![]() |
||||||
![]() |
||||||
| O FESTIVAL PROGRAMA EVENTOS ESPECIAIS PROFESIONAIS PRENSA OURENSE CONTACTO |
OURENSE |
|
||||
| Ourense é unha cidade de Galicia, comunidade autónoma española situada ao noroeste da Península Ibérica, fronteiriza con Portugal. Con 110.796 habitantes, unha extensión de 84,5 km 2 e unha riqueza histórica singular polas súas orixes romanas e medievais, é capital administrativa de provincia e unha das cidades con maior crecemento do Estado español.
A súa ponte maior, "Ponte vella", asentada sobre restos dunha anterior romana, consérvase hoxe na súa estrutura medieval. O seu arco central foi un dos mais amplos de España ata que se comezaron a utilizar reforzos metálicos na enxeñaría. A catedral, de estilo a cabalo entre o románico final e o gótico inicial, posúe un pórtico, o do Paraíso (s. XIII), que é unha versión do Compostelán Pórtico da Gloria. A mestura entre estilos permite a convivencia de elementos románicos e renacentistas cunha excepcional capela barroca que alberga a célebre imaxe do San Cristo. A riqueza de Ourense en mananciais de augas termais deu orixe ao núcleo da cidade. A fonte das Burgas é a mais coñecida e tradicional, situada en pleno centro histórico: as súas augas terapéuticas, afloran a unha temperatura de máis de 70 graos centígrados. As devanditas calidades deron pé á existencia, na cidade e nos seus arredores de diversos balnearios, hoxe en proceso de recuperación e desenvolvemento como sucede co resto da provincia. Nos últimos anos a rehabilitación do centro histórico - restauración de fachadas, promoción de novas vivendas e edificios, a peatonalización da zona- así como a dotación de novas infraestruturas están conseguindo que a cidade volva novamente a vista ás súas raíces e ás súas ricas tradicións. O proxecto de conversión do conxunto do convento de San Francisco (s. XIV) no centro cultural da cidade, mediante a habilitación de espazos para un auditorio, un novo edificio para a Biblioteca Publica, etc., é símbolo da renovada cidade de Ourense para o máis inmediato futuro, o principio deste século XXI a punto de comezar. |
A provincia, ademais, posúe unha excelente mostraxe de paraxes naturais e aldeas que conservan o encanto orixinal de tempos antigos, así como un amplo abano de 750 igrexas, mosteiros, e santuarios, ademais de 40 capelas e ermidas. Sen ir mais lonxe, a poucos quilómetros da capital atópase unha das paraxes máis incomparables de toda a natureza galega: a chamada "Ribeira Sacra”, o escarpado val do rio Sil, poboado dende o Medievo por multitude de mosteiros e cenobios encravados en recónditos lugares. Fascinantes cantos hoxe en proceso de recuperación para o turismo rural e cultural.
Ourense é unha provincia con multiplicidade de paisaxes, dende montes ata chairas, que foron escenarios naturais de moitas producións cinematográficas. Ourense é un nó ferroviario comunicado con toda a Península. Unha rede de autoestradas e estradas permite acceder en pouco tempo ás principais cidades do Eixo Atlántico, así como aos aeroportos do Peinador, en Vigo, ou de Lavacolla en Santiago de Compostela (ambos os dous a uns 100 km de Ourense). O seu campus universitario dota á cidade dun público novo e entusiasta cara ao Festival. Para o aloxamento dos visitantes, a cidade posúe unha ampla gama de hoteis e turismo de cuartos de diferentes categorías. A cidade de Ourense reúne condicións idóneas para o turismo e en especial para o termalismo. |
|||||
![]() |
||||||