Galego  |  Español  |  English
OUff + Cineclube presentan: NEDS, de Peter Mullan
axenda2_web.jpg

NEDS. Reino Unido, Francia, Italia, 2010. Cor, 124 min. Xénero: Drama | Dirección e guión: Peter Mullan | Produción: Alain de la Mata, Marc Missonnier e Olivier Delbosc (Blue Light / Fidélité Productions / StudioUrania) | Fotografía: Roman Osin | Montaxe: Colin Monie | Música: Craig Armstrong | Intérpretes: Conor McCarron (John), Gregg Forrest (John de neno), Joe Szula (Benny), Mhairi Anderson (Elizabeth), Gary Milligan (Canta), John Joe Hay (Fergie) | Versión orixinal con subtítulos en castelán.

 


PREMIOS

Festival de San Sebastián 2010 | Cuncha de Ouro e Mellor Actor


SINOPSE: Glasgow, 1973. John McGill é un rapaz intelixente e sensible, pero vive nun entorno con poucas expectativas: a súa familia é pobre, o seu pai é un borracho violento, e os seus profesores están na súa contra polo historial delictivo do seu irmán. Como ninguén lle dá unha oportunidade, John deixarase arrastrar pola violenta vida da rúa, pasando de brillante alumno a delincuente xuvenil.


ENTREVISTA AO DIRECTOR

Cando empezou a dirixir, tiña previsto dedicar unha serie de películas á adolescencia e á educación, e a un certo realismo social?

Máis que películas de realismo social, quería facer filmes que tivesen algo que dicir, pero en calquera xénero. Non foi algo premeditado o tipo de películas que fixen até agora.

Traballou con Ken Loach en O meu nome é Joe. Influenciouno dalgún xeito o seu cinema social?

Influíume moito cando era máis novo, pero creo que me impactaron aínda máis filmes coma O anxo exterminador de Luis Buñuel, que vin cando tiña 15 anos e deixoume impresionado, encantoume. Ou tamén If de Lindsay Anderson, o cinema de Vittorio de Sica, A batalla de Alxer de Gillo Pontecorvo… e logo descubrín a Kurosawa, Eisenst

Por que decidiu interpretar ese pequeno pero importante papel do pai bébedo e maltratador e non cederllo a outro actor?

O personaxe ten certa relación co meu propio pai. Pero o meu pai era aínda peor que este. En principio pensaba ofrecerlle o papel a Brendan Gleeson e estar eu como substituto no caso de que el non puidese. Pero claro, eu resultaba moito máis barato, creo que me pagaron 500 euros por oito días de traballo de actor, polo que ao final fíxeno eu mesmo. (…) O meu irmán tiña medo de que me afectase psicoloxicamente ao enfrontame a perturbadoras cousas do pasado, xa que tiven unha infancia bastante disfuncional. Pero eu non estaba preocupado. Foi gratificante, aínda que tiña que converterme nun monstro.

A película sitúase en Glasgow nos anos 70, pero o problema que conta continúa na actualidade. Por que decidiu ambientala nos 70?

Por unha cuestión brechtiana; gústame a idea de Bertold Brecht que di que ver as cousas cunha certa distancia, cunha perspectiva histórica, permite entendelas mellor, sen enredarte nos detalles contemporáneos que poden acabar por facer máis confusa a historia.Talvez non atraia aos mozos de hoxe en día unha historia dos anos 70, xa veremos se é así ou non cando se estree a película.

A historia de Neds, está baseada nun caso real ou é completamente inventada?

É unha historia persoal no sentido de que lembro moi ben os sentimentos da miña época de adolescencia e algunhas situacións similares ás que se ven na película, aínda que non tan fortes. Pero a historia en si é unha ficción.

Foi complicado deixar o peso dramático da película nun mozo de 16 anos sen ningunha experiencia como actor?

Tivemos moita sorte ao atoparmos a Conor McCarron. Puxemos un anuncio no xornal, pedindo mozos de 16 anos. Conor non tiña practicamente experiencia de actor, pero de seguida vimos que tiña o preciso, esa ollada que sabe resistir unha cámara en primeiro plano. Preocupábame como se ían comportar os mozos (…), pero fixérono moi ben. Menos mal, porque non podía botalos á metade da película.

 

 



Privacy Policy  |  Terms of Use  |  Ourense International Film Festival  |  Manage Content