Galego  |  Español  |  English
OUff + Cineclube presentan: VEÑEN POLO OURO, VEÑEN POR TODO
axenda3_web.jpg
 
FICHA TÉCNICA
Vienen por el oro, vienen por todo [ficha]. Arxentina, Chile, 2009. Cor, 83 min. Xénero: Documental | Dirección: Pablo D'Alo Abba e Cristián Harbaruk | Guión: Pablo D'Alo Abba, Cristián Harbaruk e Rocío Azuaga | Produción: Malcine | Fotografía: Daniel Ortega | Montaxe: Alejandro Arias e Pablo D’Alo Abba | Música: Alejandro Terán, Martín Bosa, Juan Patricio Mendoza e Pablo D’Alo Abba | Intérpretes: Julieta Díaz (narración) | Versión orixinal en castelán.

PREMIOS
Premio Calpurnia ao Mellor Documental no 15 Festival de Cine Internacional de OUrense
 
SINOPSE
En Esquel, na provincia da Patagonia, unha empresa canadiana obtén os dereitos para extraer ouro e prata dunha mina ubicada a 7 km da cidade, usando enormes cantidades de auga e cianuro. Este documental narra a épica historia dunha vila que se enfrontou ao poder político e económico, abordando desde un rigoroso traballo estético e narrativo a loita pola autodeterminación dun pobo fronte á explotación mineira e desarticulando as falsas promesas de desenvolvemento a partir de novas formas de organización político-social.

ENTREVISTA AOS DIRECTORES
Como se decataron da situación pola que estaba a atravesar Esquel?
O destino laboral levounos a Esquel no ano 2003. Un día dixéronnos que nese lugar ían poñer unha mina de ouro. Non o podiamos crer! Ao pouco vimos que o pobo comezaba a facer marchas e démonos conta que algo estaba a pasar. Así foi como unha noite decidimos empezar a rexistrar todo isto.
Comezaron a filmar sen saber como ía ser o desenlace da historia?
Claro, podía terminar coa mina, sen ela ou noutra cousa. Nese momento tomámolo como un exercicio documental. No noso tempo libre empezamos a coller a cámara e filmalo todo. (…) A estrutura narrativa xurdiu cando xa tiñamos a maior parte do material e empezamos a definir o tema escollendo aos personaxes e seguíndoos.
Que os motivaba a participar nesa historia?
Non podiamos crer que a unha cidade tan fermosa viñese xente a destruír ese ecosistema. Facendo isto criamos que poderiamos axudar nalgo. (…)
Por que a decisión do pobo de pórse en contra dunha posible fonte laboral cando na zona hai un alto índice de paro?
Nese momento dos 30.000 habitantes de Esquel había 6.000 desocupados, polo que foi un gran traballo para os veciños e a asemblea autoconvocada dar a información correcta, xa que a mineira non o facía, só brindaba pouca ou falsa información, como dicir que o cianuro non era máis tóxico que a lixivia. Aí a xente xa dixo “eu non quero que acá pase isto!”.
A partir dunha película a xente pode chegar a tomar conciencia dos problemas ambientais?
É moi difícil difundir este tipo de mensaxes na nosa sociedade, sobre todo cun filme. Aínda que hai unha conciencia e a xente está atenta ao que está a acontecer, todos prefiren ver unha película de fóra cun actor famoso e non ir ver un documental sobre o medio ambiente. (…) A película lévanos a plantexarnos que clase de futuro queremos e como podemos participar activamente na escolla dese futuro. O que pasou en Esquel foi un exemplo: o pobo uniuse, manifestouse pacificamente e con argumentos sólidos e puido expresar a súa vontade.
Veñen polo ouro… é unha película que vén funcionando moi ben no circuíto de festivais.
Leva percorrido como 30 festivais e gañou oito premios. Iso ponnos moi contentos. Pero o mellor é ver as reaccións do público ao descubrir o sucedido; ese é o noso obxectivo, que a xente coñeza esta historia.

UN DATO PARA LEMBRAR
O filme revela que o 80% do ouro que se extrae no mundo úsase como apoio financeiro de multinacionais, o 18% ten unha función decorativa e só o 2% cento restante serve para usos industriais. 
 



Privacy Policy  |  Terms of Use  |  Ourense International Film Festival  |  Manage Content