Ourense naceu coma a cidade do ouro e da prata. Así foi como a chamaron os romanos, fundadores do primitivo asentamento ao que denominaron Aquae Aurente, do que provén o topónimo actual. Mais tamén é o lugar das encrucilladas, onde o río Miño define a estampa paisaxística dunha cidade que se atopa entre a Galiza costeira e a España interior e que sempre buscou proxectarse ao exterior, no pasado cos seus arrieiros, afiadores e emigrantes a ultramar, hoxe cunha industria punteira da moda e o automóbil que chega a todos os mercados europeos.
O lugar estivo habitado desde tempos moi antigos, tal e como o testemuña o descubrimento de útiles paleolíticos, megalíticos, da Idade de Bronce e da Cultura Castrexa.
Porén, non foi ata os primeiros séculos da nosa era cando se conformou coma un núcleo destacado. A fundación romana foi a consecuencia da construción da maxestosa Ponte Vella, coma lugar estratéxico para controlar o paso do río, e da explotación das augas termais das Burgas e doutras fontes próximas.
Durante o período de dominación sueva, nos séculos V e VI, xorden as primeiras novas documentais da diocese auriense, momento no que acadou un grande esplendor ao ser a sede do reino cos monarcas Teodomiro e Mirón, e que ademais promoveu a construción da catedral primitiva.
No século XIII comeza un novo renacer impulsado polo bispado. Neste momento restáurase a ponte e levántase a catedral, que actuará coma o núcleo de desenvolvemento do casco vello. Este rexurdimento estivo vencellado á forte demanda de viño de xeito que prosperaron o comercio e a exportación dos caldos do Ribeiro que Ourense centralizou.
Un fito transcendental no desenvolvemento da cidade foi a súa declaración coma capital de provincia no século XIX. Deste xeito comeza un novo período de esplendor reforzado coa chegada do ferrocarril que fará que a cidade se converta, grazas tamén ao desenvolvemento industrial e comercial ao longo do século XX e ata chegar á actualidade, nun florecente núcleo que no presente conta con máis de 100.000 habitantes.
A PROVINCIA
A provincia de Ourense é unha extraordinaria mostra de paisaxes naturais, sementadas de pequenas e medianas aldeas que conservan o encanto orixinal dunha personalísima cultura agrícola e gandeira que conta cun patrimonio arquitectónico de máis de 750 igrexas, mosteiros, santuarios, capelas e ermidas que mesturan os seus estilos románicos e medievais.
A poucos quilómetros da capital, a Ribeira Sacra é un dos lugares máis notábeis de toda a peculiar xeografía galega, na que unha multitude de pequenos mosteiros se reparten coma un rosario ao longo do escarpado canón creado polo río Sil, onde os romanos iniciaron o cultivo en socalcos para unha das mellores variedades de viños de Galiza.
Debido ás súas extraordinarias paisaxes, Ourense ten sido escenario de moitas producións cinematográficas. A súa luz sempre cambiante e os seus verdes montes e chairas teñen servido de inspiración para a fotografía e como un escenario cargado de suxestións para directores e produtores.
COMUNICACIÓNS
Ourense é un nó ferroviario comunicado con toda a península. O traxecto ferroviario Madrid-Ourense é de 5 horas (450 km).
A rede de autoestradas e estradas permite acceder a Ourense desde as principais cidades de España e Portugal.
Ourense conta nas súas proximidades cos aeroportos de Santiago de Compostela (a 150 km) e de Vigo (a 100 km). En Portugal, o Aeroporto Internacional de Oporto (a 200 km) ten conexións moi económicas co resto de cidades europeas.
[
+ info ]
O FESTIVAL
O Festival de Cine Internacional de Ourense é o máis antigo e principal evento cinematográfico para a industria audiovisual de Galiza pola súa capacidade de convocatoria internacional.