Galego
Español
English
OUFF + Cineclube presentan: In the Loop, de Armando Ianucci
axenda5.jpg

 

FICHA TÉCNICA
In The Loop. Reino Unido, 2009. Cor, 106 min. Xénero: Comedia | Dirección: Armando Iannucci | Guión: Armando Iannucci, Jesse Armstrong, Simon Blackwell, Tony Roche | Produción: Kevin Loader, Adam Tandy (Aramid Entertainment Fund / BBC Films) | Fotografía: Jamie Cairney | Montaxe: Anthony Boys, Billy Sneddon | Música: Adam Ilhan, Elysian Quartet | Intérpretes: Peter Capaldi (Malcolm Tucker), Tom Hollander (Simon Foster), James Gandolfini (xeneral George Miller), Mimi Kennedy (Karen Clark), Paul Higgins (Jamie MacDonald), Gina Mckee (Judy), Steve Coogan (Paul), Chris Addison (Toby), Anna Chlumsky (Liza) | Distribuidora: Avalon Productions | Versión orixinal con subtítulos en castelán.
PREMIOS

Círculo da Crítica Nova York 2009: Mellor Guión
Oscars 2009: Nomeada ao Mellor Guión Adaptado

SINOPSE
O Presidente dos Estados Unidos e o Primeiro Ministro británico deciden iniciar unha guerra, prometendo ser rápidos. Cando Simon Foster, o Secretario de Estado británico para o desenvolvemento internacional, apoia accidentalmente a acción militar na televisión en horario de máxima audiencia, gaña sen querelo moitos amigos en Washington e moitos inimigos en Londres.
 

ENTREVISTA AO DIRECTOR | Armando Ianucci
Como decidiu dar o salto da televisión ao cinema?
Levaba tempo pensando en facer unha comedia, e a invasión de Irak foi a excusa perfecta. Non quería tratar directamente o tema, pero si falar da xente que non se atreveu a dicir “isto debe parar”, de como os británicos nos vimos enleados nisto.

In The Loop foi sempre unha prolongación da súa serie de televisión The Thick Of It?
Sabía que quería seguir co mesmo estilo e no mesmo mundo, pero Malcolm Tucker é o único personaxe que recuperamos da serie, o resto son novos. Nunca quixen facer un episodio extendido de The Thick Of It. Se coñeces a serie e che gusta, mellor, pero a peli é algo distinto.


Cales son as diferencias entre a serie e a película?
The Thick Of It está pensada para a pantalla pequena, cunha cámara moi cinética; como a pantalla grande o magnifica todo, o ton non é tan frenético. Tamén repensamos por completo a estrutura: non é o mesmo facer unha historia para 28 minutos que para unha hora e 40. Tentamos manter a enerxía e a crueza da serie, pero alternando os momentos rápidos con pausas para desenvolver mellor a trama.

Foi un reto traballar con actores americanos?
Foi un reto, si, pero acertamos ao escoller a actores con experiencia en comedia de improvisación. Mesmo James Gandolfini estivo encantado de aportar cousas nos ensaios. (…) Nós os estimulabamos para que se soltasen e levasen as cousas ao seu terreo, obtendo así reaccións máis naturais. Eu diría que o 5% ou 6% dos diálogos non estaban no guión, xurdían ao rodar.

Como se documentou?
Entrevisteime con traballadores do Departamento de Estado, da CIA e do Pentágono. Cheguei á conclusión de que Washington está dirixido por mozos de vintepoucos que nada máis licenciárense na Universidade George Washington son postos á fronte dun ministerio. Moita xente critica a linguaxe dura e chea de insultos do filme, pero é que os políticos de verdade falan así. (…) Canto máis descubría, menos quería saber: asusta saber como funciona a maquinaria política dos EUA.

Hai personaxes inspirados en políticos reais?
Moitos están baseados en xente real, pero non pretenden ser imitacións deles. David Rasche, que interpreta a Linton Barwick, fixouse moito en Donald Rumsfeld, no seu vocabulario rimbombante pero baleiro. O personaxe de Tom Hollander, Simon Foster, debate publicamente se debería dimitir ou non, como fixera a nosa ministra Clare Short. Tamén nos inspiramos na actitude do noso ministro de Exteriores Jack Straw, que declarou na radio que a invasión de Irak era inconcebible e tres días despois retractouse no mesmo programa. Que pasou neses tres días para que o fixesen mudar de parecer?

En que sátiras políticas se inspirou para facer o filme?
Está O gran ditador de Charlie Chaplin, e por suposto Teléfono vermello, volamos cara Moscú.  Brazil de Terry Gilliam tamén é un dos meus filmes favoritos. (…)  Encántanme as comedias que tratan temas importantes porque os exploran dende puntos de vista diferentes, dende outros ángulos.

É posible tomarse aos políticos en serio?
Non o sei. Coido que esperamos moito dos nosos políticos.

 

 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008