| OUff + Cineclube presentan: London River, de Rachid Bouchareb |
LONDON RIVER
FICHA TÉCNICA London River. Reino Unido, Francia, Alxeria, 2009. Cor, 90 min. Xénero: Drama | Dirección: Rachid Bouchareb | Guión: Rachid Bouchareb, Olivier Lorelle e Zoé Galeron | Produción: Jean Bréhat, Bertrand Faivre e Matthieu de Braconier | Fotografía: Jérôme Alméras | Montaxe: Yannick Kergoat | Música: Armand Amar | Intérpretes: Brenda Blethyn (Elisabeth), Sotigui Kouyaté (Ousmane), Roschdy Zem, Sami Bouajila, Bernard Blancan, Marc Bayliss, Gareth Randall, Aurelie Eltvedt, Francis Magee, Mathieu Schiffman | Distribuidora: Vértigo Films | Versión orixinal con subtítulos en castelán. PREMIOS Festival de Berlín 2009: Oso de Prata ao Mellor Actor para Sotigui Kouyaté. SINOPSE Unha muller inglesa cristiá e tradicional e máis un africano musulmán residente en Francia buscan desesperadamente aos seus respectivos fillos, desaparecidos nos atentados terroristas do metro de Londres do 7 de xullo de 2005. ENTREVISTA AO DIRECTOR: Rachid Bouchareb Cal é o tema específico de London River? Eu diría que o tema central da miña cinematografía é o encontro entre persoas de países e culturas diferentes. Tivo sempre en mente a Sotigui e Brenda para estes papeis? A Sotigui si. Tras facermos xuntos Little Senegal, sabía que quería volver traballar con el, e escribín o guión pensando nel. Apetecíame traballar con Brenda desque a vin en Segredos e mentiras de Mike Leigh. Cando llo ofrecín estaba ocupada con outros proxectos, pero agardei un ano a que quedase libre, pois sabía que eles dous eran a película. Declarou que os seus filmes axúdano a coñecerse a si mesmo. Tamén pasou con London River? Si, na medida en que é un filme sobre o problema de ser musulmán en Europa. Cando atacaron as Torres Xemelgas eu vivía en Francia e sufrín as secuelas. De súpeto ser alxeriano foi máis difícil que nunca. O terrorismo é un tema sensible… Os atentados eran o punto de partida, pero que o que eu quería tratar era como dúas persoas de mundos moi distintos se encontran, xorde unha conexión entre elas e se axudan no seu obxectivo común de atopar aos fillos. Precisaba unha crise para xuntalos, pero podería ter sido calquera outro suceso. Como se documentou? A cobertura televisiva deste suceso foi moi forte, e incluín imaxes de arquivo do atentado e das súas vítimas reais, pero non quixen centrarme nos feitos históricos e nos relatos das testemuñas visuais. O que me interesaba era poñer a este drama unha cara humana. O filme ten unha estética case documental, o que contrasta co acabado de Días de Gloria… Trala precisión que requiría Días de gloria, busquei libertade absoluta neste filme, esquecerme dos aspectos técnicos e estéticos e centrarme nos personaxes. Eramos un equipo mínimo e tiñamos dous actores, un distrito de Londres e 15 días. Traballabamos día a día sen a obriga de ensaiar ou preparar as escenas, e foi moi estimulante. De feito, a semana antes de ir rodar a Londres estiven de xurado en Cannes, polo que non planifiquei a película con moita antelación. Coido que iso axudou a que fose máis íntima e espontánea. Cal é o papel da relixión? Os protagonistas viven cada un coa súa fe, pero iso non define as súas vidas necesariamente. Hai outros aspectos importantes, como as ideas políticas ou a nacionalidade. Por iso o policía lle di a Ousmane que el tamén é musulmán. É algo que quería recalcar: non só os árabes son musulmáns. Chama a atención a falta de conexión entre os personaxes: os protagonistas case non coñecen a vida dos seus fillos. Coido que o gran problema dos nosos tempos é a falta de comunicación. A xente xa non fala, non se escoita. Isto pode verse nas relacións internacionais. Unha frase de Brenda condensa moi ben o filme: “as nosas vidas non son tan distintas”. Abofé. Non importa en que recuncho do mundo esteamos, no fondo preocúpanos o mesmo. Hai un forte contraste entre o rural e o urbán na película. Quería reflectir como os dous personaxes viven fóra do mundo, e o futil disto. Non poden seguir así. Non podemos estar aillados. Como podemos interpretar o final ambiguo do filme? Os espectadores teñen que chegar ás súas propias conclusións e decidir o que vai pasar a continuación, póndose no lugar dos personaxes. |
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |