| Festival de Cine e Cineclube presentan: TAMARA DREWE, de Stephen Frears |
FICHA TÉCNICA
Tamara Drewe. Reino Unido, 2010. Cor, 109 min. Xénero: Drama, comedia | Dirección: Stephen Frears | Guión: Moira Buffini (baseado na novela gráfica de Posy Simmonds) | Produción: Alison Owen, Paul Trijbits e Tracey Seaward (Ruby Films / BBC Films / WestEnd Films) | Fotografía: Ben Davis | Montaxe: Mick Audsley | Música: Alexandre Desplat | Intérpretes: Gemma Arterton (Tamara Drewe), Roger Allam (Nicholas Hardiment), Bull Camp (Glen McCreavy), Dominic Cooper (Ben Sergeant), Luke Evans (Andy Cobb), Tamsin Greig (Beth Hardiment), Jessica Barden (Jody Long), Charlotte Christie (Casey Shaw). | Distribuidora: Alta Classics | Versión orixinal con subtítulos en castelán. SINOPSE Despois de moitos anos, Tamara Drewe regresa á sua vila de Dorset para vender a casa familiar, e a súa volta provoca unha conmoción. Cando marchou a Londres, Tamara era unha adolescente pouco agraciada, pero volve convertida nunha fermosísima muller fatal que desata unha tormenta de envexa, desexo e chismes na comunidade rural. Tamara é unha moza moderna, pero a súa historia de amor e confusión é eterna. ENTREVISTA AO DIRECTOR: Stephen Frears Tamara Drewe supón un cambio de rexistro para vostede; é máis lixeiro que outros filmes seus. Si, é moi alegre. Paseino moi ben na rodaxe, foi case como estar de vacacións. Coido que a película é mesmo máis desenfadada que o cómic orixinal. Foille difícil atopar ese ton traxicómico intermedio? Eu sempre tirei polo lado cómico, parecíame un enfoque máis fresco e pensei que conectaría mellor co público, pero houbo que manter certas partes tráxicas. Cando Beth atopa ao seu marido, tiña que ser un momento dramático. Como foi o proceso de adaptar a novela gráfica na que se basea? Eu xa a lera cando fora serializada no xornal The Guardian, parecíame unha obra xenial. Quería que este filme fose un tributo ao talento de Posy, aos seus debuxos. Adaptar un cómic non se diferencia moito de adaptar unha novela, coa vantaxe de que nalgúns casos podiamos copiar exactamente o que se vía nas viñetas, como se fose un storyboard. Tivemos que mudar algúns detalles pero sempre tentamos ser fieis ao espírito do libro. Pero tomeime certas liberdades como salvarlle a vida a un personaxe que a min me gustaba moito e que nunca entendín por que tivo que morrer na versión debuxada. É un filme sobre a clase media? Si, o que é moi raro en Inglaterra, onde só se fan películas sobres as clases baixas ou as altas, cando a maioría de nós estamos no medio. En Francia si que as fan: aí está Claude Chabrol. Se cadra é que non somos unha clase suficientemente interesante… ou exótica. Foi a rodaxe ben recibida polos habitantes de Dorset? Soamente poñen problemas en Londres, onde a xente está farta de que corten as rúas para filmar. En calquera outra parte están encantados e son moi acolledores. Como fixeron para capturar todas as estacións do ano na película? Rodamos en setembro e outubro e tivemos moita sorte, porque pillamos unha onda de calor que nos permitiu plasmar un verán idílico. Pero non tiñamos cartos para estender a rodaxe todo un ano, polo que houbo que recrear as estacións por medios artificiais: os narcisos que se ven son de plástico. Emprega técnicas de dirección pouco habituais, como a pantalla partida ou o personaxe que lle fala directamente a cámara. Esta última xa a probara con John Cusack en Alta fidelidade. Había unha parte da historia que non funcionaba contada dun xeito convencional, así que decidín que Tamara lla transmitise ao público directamente. Foi unha decisión liberadora, e queda moi divertido de ver. Para min todo isto é ser atrevido e revolucionario, pero para xente como Terry Gilliam é o habitual, el tería ido máis lonxe. Como ve o erotismo do filme? Por unha banda, tentei plasmar as escenas de sexo dun xeito fermoso, pero case todo o sexo da historia é adúltero, polo que é difícil que non tivesen tamén un punto sórdido, pouco edificante. Posiciónase o filme sobre a beleza natural e a cirurxía plástica? Iso deixo que o decida a audiencia. Custa entender o comportamento de Tamara. Ela mesma admite non saber por que fai o que fai. Coido que iso é moi verídico, a xente compórtase así, non si? Tropezamos continuamente cos mesmos erros sen saber por que. |
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |