|
FICHA TÉCNICA
I'm Not There. Estados Unidos, Alemaña, 2007. Cor, 135 min. Xénero: Drama, musical, biopic | Dirección: Todd Haynes | Guión: Todd Haynes, Oren Moverman | Produción: Christine Vachon, James Stern, John Sloss, John Goldwin (John Wells Productions / Weinstein Company) | Fotografía: Edward Lachman | Montaxe: Jay Rabinowitz | Música: Bob Dylan | Intérpretes: Heath Ledger (Robbie), Christian Bale (Jack/John), Richard Gere (Billy), Cate Blanchett (Jude), Julianne Moore (Alice), Charlotte Gainsbourg (Claire), Michelle Williams (Coco Rivington), Marcus Carl Franklin (Woody) | Distribuidora: Vértigo Films | Versión orixinal con subtítulos en castelán.
PREMIOS
Festival de Venecia 2007: Premio Especial do Xurado e Copa Volpi á Mellor Actriz
Premios Independent Spirit 2008: Premio Robert Altman ao Reparto
Globos de Ouro 2008: Mellor Actriz Secundaria
SINOPSE
Un perfil do lendario músico Bob Dylan no que distintos personaxes personifican diferentes aspectos da vida persoal e profesional do mítico cantante na América dos 60 e 70: Woody, un neno negro de 11 anos sempre a fuxir; Robbie, un artista mullereiro na estrada; Jude, un mozo andróxino estrela do rock; John/Jack, un ídolo folk que se reinventa como evanxelista; e Billy, un famoso fuxitivo facéndose vello.
ENTREVISTA AO DIRECTOR (Todd Haynes)
Por que decidiu facer un filme sobre Bob Dylan?
Descubrín a Dylan no instituto, pero deixei de escoitalo durante un tempo. Entón a finais de 1999, nun certo momento da miña vida, vinme gozando coa súa música de novo. Creo que precisaba volver a esa enerxía adolescente. Deixaba Nova York, onde vivira os últimos 15 anos, para irme a Portland a escribir o guión de Lonxe do ceo.Algo estaba a ocorrer e non sabía o que era. Simplemente mergulleime máis e máis en Dylan, descubrindo todo o material inédito e lendo calquera cousa sobre el que caese nas miñas mans.
E canto máis lía, máis reparaba en como o cambio persoal e artístico definira a súa vida. O único xeito de amosalo era escenificalo, destilar a súa vida e a súa obra nunha serie de personaxes e historias diferentes. Estes 6 personaxes encarnan as diferentes etapas da súa vida, aínda que todos tiveron a súa raíz nos 60.
Colaborou Bob Dylan no proxecto?
Non, pero autorizounos a facer o filme e a usar a súa música, o que é abondo. Nunca falei con Dylan, pero estivemos en contacto co seu mánager Jeff Rosen e co seu fillo maior Jessie, director de cine.
Como elixiu as cancións de Dylan de entre as do seu catálogo?
As cancións escollidas non son necesariamente as miñas favoritas, nin sequera as mellores: son as que mellor serven ao propósito creativo do filme. Parecíame importante combinar grandes obras mestras como "All Along the Watchtower" ou "Visions of Johanna" con cancións menos coñecidas e mesmo raras, como a que lle dá título, "I'm Not There". Tamén sabía que quería mesturar gravacións de Dylan con versións doutros artistas.
A vida de Dylan está moi ben documentada. Que espera engadir con I'm Not There?
Espero acabar con calquera idea preconcibida sobre Dylan, velo como un creador nun momento e lugar específicos, e tamén como personificación da diversidade americana, os seus conflitos, as súas rebelións e as súas tradicións.
Sorprende ver a Cate Blanchett interpretando un dos Dylans.
O papel de Jude sempre estivo pensado para unha muller. Parecíame a única maneira de resucitar o estraño da aparencia física de Dylan en 1966. Desde logo precisaba unha actriz coa intelixencia de Cate e a súa habilidade para dotar ao personaxe de profundidade e sutileza.
Como traballou cos actores construíndo esas distintas encarnacións de Dylan?
Proporcioneilles recompilacións de cancións e entrevistas de Dylan e os referentes estilísticos que ía esbozando para cada unha das historias. A ninguén se lle pediu que o imitase, senón que usasen as súas cadencias, a súa mirada, o seu aspecto, o seu estilo, xa que se corresponden con determinados momentos da súa vida.
Cal é a súa canción favorita de Dylan e por que?
Non teño unha canción favorita. O meu disco favorito é "Blonde on Blonde", o primeiro álbum dobre da súa era eléctrica cuxa modernidade barroca e a súa melodrama urbano nunca deixan de abraiarme.
|