| 16OUff e Cineclube presentan: Capitalismo, unha historia de amor , de Michael Moore |
Capitalism: A Love Story. Estados Unidos, 2009. Cor, 126 min. Xénero: Documental | Dirección: Michael Moore | Guión: Michael Moore | Produción: Michael Moore e Anne Moore (Dog Eat Dog Films / Overture Films / Paramount Vantage) | Fotografía: Dan Marracino e Jayme Roy | Montaxe: Conor O’Neill, John Walter, Jessica Brunetto, Alex Meillier, Tanya Meillier, Pablo Proenza e T. Woody Richman | Música: Jeff Gibbs | Distribuidora: Alta Classics | Versión orixinal con subtítulos en castelán.
SINOPSE
O sempre polémico Michael Moore volve tratar o desastroso impacto que o dominio das corporacións ten na vida cotiá dos estadounidenses, e por conseguinte tamén no resto do mundo. Este documental expón unha pregunta tabú: cal é o prezo que paga Estados Unidos polo seu amor ao capitalismo? Hai anos, ese amor parecía inocente. Con todo, hoxe o soño americano semella cada vez máis a un pesadelo, cuxo prezo pagan as familias que ven esfumarse os seus postos de traballo, as súas casas e os seus aforros. E o que descobre son os síntomas dun amor que acaba mal: mentiras, malos tratos, traizóns e 14.000 postos de traballo perdidos cada día. Pero Moore non se rende e convídanos a sumarnos á súa loita, incansable e optimista. ENTREVISTA AO DIRECTOR | Michael Moore En que se inspirou para facer esta película? O meu obxectivo é expor as preguntas que se formularon na miña cabeza desde hai tempo e que considero que debe facerse a sociedade. A tarefa do artista, do músico ou do director non é seguir á multitude. Os políticos non van cambiar nada pola súa propia iniciativa persoal, porque para eles non ten sentido ser valentes, é demasiado arriscado. As persoas son as que teñen que facer que cambien. Así, cando emerxa a verdade e o panorama estea claro, os que se encollían de ombreiros e ironizaban cambiarán de idea e pareceranse precisamente ás persoas illadas das que se burlaran. Canto lle levou facer este filme? Empezamos coa produción na primavera de 2008, pero en certo sentido levo 20 anos a facer este filme. Tras debutar con Roger and Me en 1989, hai vínculos e ideas comúns presentes en todos os meus proxectos. Capitalismo... non só é a continuación deste traballo, senón que é a súa culminación. A xente está anoxada polas recentes crises financeiras e o efecto que tiveron sobre os investimentos, os postos de traballo, os prezos das vivendas e os orzamentos dos gobernos, e se cadra non saben a quen culpar. Axudaranos o filme a descubrir ao responsable deste desastre? Non creo que sexa un misterio quen está detrás deste desastre financeiro. Houbo unha enorme rabia que se concentrou contra os bancos e as institucións financeiras, que puxeron en perigo a nosa economía e que a destruíron, así como cara aos políticos que permitiron que iso sucedese... Non me tire da lingua...Esta película non describe un boom, unha quebra ou un rescate financeiro. Empecei a traballar neste proxecto antes de que a economía caese en picado e antes de ter a menor idea de que habería un enorme préstamo por parte do Tesouro estadounidense un mes antes das eleccións presidenciais. Non me concentro nun individuo, unha sociedade ou un problema en concreto, senón no panorama de conxunto. Este filme ataca a un sistema que permite, alenta e, o que é máis importante, garante esa corrupción. No que se refire ao goberno, parece que hai moitas persoas ás que culpar, posto que membros de ambos os dous partidos políticos contribuíron a crear a situación actual. En Washington hai alguén coas mans limpas? No mundo non hai toalliñas desinfectantes abondo para limpar Washington. Esta película menciona nomes e ataca aos dous partidos, sen medo ou parcialidade. Todas as discusións políticas teñen o defecto de pasar do plano dos liberais contra os conservadores e dos demócratas contra os republicanos. Pero só é unha forma de distraer a atención do problema verdadeiro: o sistema no que vivimos posúe a ambos os partidos, tanto aos liberais como aos conservadores. De cando en cando, prodúcense durísimos enfrontamentos entre os dous partidos, pero ambos tentan permanecer no poder e o último que queren é afundir a nave. Esta película fala dos problemas que non se abordan no Congreso ou nos talk shows dos domingos pola mañá. Que pensa que se lle quedará ao público desta película? Diversión e rebelión. E cal será o seu vindeiro traballo? Xa o dixen no filme: ningún. Antes quero ver como reacciona o público a esta película. Esta é a primeira vez que non teño un novo proxecto listo antes de rematar o actual. |
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |