| 16OUFF e Cineclube presentan: CÓMICOS, de Ana Pérez e Marta Arribas |
FICHA TÉCNICACómicos. España, 2009. Cor, 120 min. Xénero: Documental | Dirección: Ana Pérez e Marta Arribas | Guión: Ana Pérez e Marta Arribas | Produción: Chema de la Peña, Gervasio Iglesias e Xavier Crespo (La Voz Que Yo Amo / La Zanfoña Producciones / Dacsa Producciones) | Fotografía: Alberto Molina | Montaxe: Renato San Juan | Distribución: La Voz Que Yo Amo | Versión orixinal.
PREMIOS Premios Goya 2010: Nomeada a Mellor Documental SINOPSE Retrato dunha xira da Compañía Benavente, grupo itinerante especializado no teatro de repertorio, cuxos actores nos contan as grandes satisfaccións do seu traballo, todas elas moi afastadas da fama. DECLARACIÓN DAS DIRECTORAS Cómicos é un filme sobre a paixón por un oficio pero tamén sobre a vellez. Puxemos a nosa mirada sobre unhas persoas que fan balance da súa vida, tentando transcender a peripecia persoal de cada un para reflexionar sobre o paso do tempo. Todos os nosos protagonistas fixéronnos pensar sobre a finísima liña que hai entre o triunfo e o fracaso. Moitos actores famosos de hoxe empezaron como eles. Un golpe de sorte, unha decisión equivocada, un titubeo nunha elección cambian para sempre o rumbo da vida. A historia dos nosos protagonistas podería parecer unha historia de perdedores e en certo modo o é, co seu punto de tenrura, o seu patetismo e incerteza vital e económica. Os integrantes da Compañía Benavente herdaron dos seus pais e dos seus avós unha forma xa esquecida de levar o teatro por todos os recunchos de España que lles proporcionou satisfaccións pero non fama. Manuel Andrés recibe a pensión mínima e Amparo Pacheco segue a traballar para conseguir unha xubilación digna. Pero o seu capital é o entusiasmo. Uns quixotes que aman a súa vida bohemia e que non perderon a paixón pola profesión que aman. Para todos, parar é morrer. Cómicos é emocionante, ás veces é divertida e ás veces dura, contendo toda esa "traxicomedia" que como eles mesmos din é a vida. UNHA HISTORIA DOS CÓMICOS ESPAÑOIS DE POSGUERRA Son vellos. Son actores. Pero os seus nomes non están nos letreiros luminosos. Queren morrer coas botas postas. Levan o teatro nos xenes. Son os derradeiros representantes dun mundo que se acaba, o das compañías familiares de teatro itinerante. Memoria viva dunha España de posguerra que de nenos percorreron palmo a palmo. Nenos sen escola, aprenderon a través das obras de teatro. Son ricos en recordos e pobres na conta corrente. O seu capital é o entusiasmo. Aínda que ás veces axéxalles o medo a quedar en branco no escenario. E é que os anos non pasan en balde. Aurora, Luís e Amparo pasan dos setenta e son a alma da compañía de teatro itinerante Benavente, herdeira da que fundaron os seus pais a principio de século e na que actúan tamén os seus fillos e netos. É a única compañía itinerante de repertorio que queda en España. Unha reliquia do pasado que non se resigna a desaparecer. Acompañarémolos de xira pola Andalucía rural, levando o teatro até o último recuncho. Substituíron o carro por un tráiler e os camiños de terra polas autoestradas da España moderna, pero o seu oficio e a súa forma de vida segue a ser a mesma que a dos seus pais. Eles aman esa “vida bohemia”. Son auténticas estrelas na España rural. O publico das aldeas envelleceu canda eles. Moitos dos seus compañeiros deixaron esa vida nómade hai tempo. Pero tampouco tiraron a toalla e seguen a buscar o seu oco en Madrid. As irmás Tejela e Manuel Andrés, sempre en papeis secundarios, seguen esperando que o teléfono soe. Manuel Gallardo conseguiu o seu soño de entrar no Teatro Español. Eles buscaron unha estabilidade aínda que lembran con morriña aquela vida transhumante. Para todos, parar é morrer. AS DIRECTORAS Marta Arribas e Ana Pérez de la Fuente son licenciadas en Xornalismo e Ciencias Audiovisuais, respectivamente. Desenvolveron a súa carreira profesional en documentais e programas de carácter social para diversas televisións públicas. Foron o equipo fundador do programa de Telemadrid 30 minutos. En 2005 dirixiron o documental O tren da memoria. O seu vindeiro filme será Fotógrafos da guerra civil española. |
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |