Galego
Español
English
16OUFF e Cineclube presentan: Cidade de Vida e Morte, de Lu Chuan

  axenda14.jpg

FICHA TÉCNICA
Nanjing, Nanjing. China, 2009. B&N, 132 min. Xénero: Drama, bélico | Direción e guión: Lu Chuan | Produción: Han Sanping, Qin Hong, John Chong e Andy Zhang (China Film Group / Jiangsu Broadcasting System / Media Asia Films / Stellar Megamedia) | Fotografía: Cao Yu | Montaxe: Teng Yun | Música: Liu Tong | Intérpretes: Liu Ye (xeneral Lu), Hideo Nakaizumi (Kadokawa), Fan Wei (Mr. Tang), John Paisley (John Rabe), Gao Yuanyuan (Miss Jiang), Yuko Miyamoto, Yiyan Jiang (Xiao Jiang) | Distribuidora: Karma Films | Versión orixinal con subtítulos en castelán


PREMIOS
Festival de San Sebastián 2009
Cuncha de Ouro á Mellor Película, Mellor Fotografía e Premio Signis

SINOPSE
1937. Guerra chinesa-xaponesa. No seu avance por territorio chinés, as tropas nipoas chegan até Nanking, a capital provisional, onde cometen toda clase de atrocidades. A través de varios personaxes, uns ficticios e outros reais, uns xaponeses e outros chineses, veremos as condicións de vida na cidade devastada e os dilemas éticos dos superviventes en tempos de guerra.

ENTREVISTA AO DIRECTOR | Lu Chuan
Como chegou a acontecer a masacre de Nanking?
As tropas xaponesas conquistaron a cidade, pero cunha resistencia moi forte. Iso anoxounos e arrestaron a milleiros de soldados e civís. Como os xaponeses estaban escasos de comida e de efectivos para controlar os prisioneiros,  recibiron a orde secreta do cuartel de matalos a todos, e iso fixeron.
Por que decidiu falar deste tema?
Con 18 anos, fun estudar a Nanking durante catro anos. Alí visitei o Museo do Holocausto varias veces, que me impactou moito. Desde entón sempre quixen facer unha película sobre Nanking.
Cales foron os retos para facer unha película desta magnitude?
Custoume conseguir a aprobación da oficina estatal de cinema para facela, pois é un tema sensible que podía causar conflitos con Xapón.
Houbo entón polémica con Xapón?
Si. Desde que se estreou en China, o filme recibiu todo tipo de críticas e ataques por parte dos medios de dereita xaponeses, que dixeron que era “o peor alegato antixaponés endexamais feito”.
Curiosamente en China acusárono do contrario, de ser brando de máis coas  atrocidades xaponesas.
Sorprendeume porque pensaba que escollera o ángulo axeitado para contar a historia. Creo que o meu erro foi tratar de ser independente e subxectivo. Aínda hoxe, para a maioría dos chineses, os xaponeses non son seres humanos. O meu filme é a primeira obra en 70 anos que amosa a súa humanidade, e non o poden aceptar. Ao final fun criticado por ambos os lados. Podo entender os seus sentimentos, pero eu como cineasta debo contar o meu punto de vista. Estoulles moi agradecido aos meus actores xaponeses pola súa valentía: estiveron baixo unha gran presión mediática pero fixeron un gran traballo. Si, Xapón cometeu unha masacre, pero eu non quixen facer unha película en contra dunha nación determinada, senón contra a guerra: se o goberno nos obriga a ir ao campo de batalla, todos podemos converternos en asasinos.
Como preparou a coreografía da escena da batalla central?
Tardamos un mes en rodala. Este filme tiña un orzamento de 10 millóns de dólares, o que é   moitísimo para unha película chinesa, polo que non podiamos permitirnos o luxo de gastar 3 millóns en efectos especiais.Quería facelo todo eu mesmo e deseñei o asunto como unha manobra militar. Vendo moitos documentais de guerra, descubrín que as explosións son moi diferentes ás das películas bélicas americanas, con eses estoupidos de luz. Os combates reais non son así, só hai fume branco. Así que tentamos ser realistas.
Rodou o filme en branco e negro.
Era o meu soño. É moi complicado   facer unha película en branco e negro, xa que resultan moi difíciles de vender, pero esta vez puiden convencer os produtores. Díxenlles que A lista de Schindler era en branco e negro porque só podía ser así, e que este era o mesmo caso.
Pensou no público internacional?
Si, tíveno sempre moi en conta: en China todo o mundo coñece este episodio, pero lamentablemente fóra hai poucas persoas que saiban sobre o tema.
Cales son as súas ambicións? Se cadra ir a Hollywood?
Antes si que soñaba con ir traballar a Hollywood, pero despois desta película madurei e perdín a ilusión. En China é moi difícil tratar certos temas e conseguir diñeiro, pero por outra banda, o cineasta ten máis inspiración: superar as dificultades dáme máis forza. En Hollywood non sei que pasaría.

 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008