Galego
Español
English
16OUFF e Cineclube presentan: O tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas

 

Axenda15.jpg

 

FICHA TÉCNICA
Lung Boonmee raluek chat
. Tailandia, Reino Unido, Francia, Alemaña, España, 2010. Cor, 113 min. Xénero: Drama, fantástico | Dirección e guión: Apichatpong Weerasethakul | Produción: Apichatpong Weerasethakul, Simon Field, Keith Griffiths e Charles de Meau | Fotografía: Yukontorn Mingmongkon, Charin Pengpanich, Sayombhu Mukdeeprom | Montaxe: Lee Chatametikool | Intérpretes: Thanapat Saisaymar (Boonmee), Jenjira Pongpas (Jen), Sakda Kaewbuadee (Tong), Natthakarn Aphaiwonk (Huay) | Distribuidora: Karma Films | Versión orixinal con subtítulos en castelán.

PREMIOS
Festival de Cannes 2010 - Palma de Ouro á Mellor Película
Festival de Sitges 2010 - Premio da Crítica (FIPRESCI)

SINOPSE
O tío Boonmee sofre unha insuficiencia renal aguda e decide pasar os seus derradeiros días entre no campo. Sorprendentemente, as pantasmas da súa muller falecida e do seu fillo desaparecido aparécenselle e tómano baixo as súas ás. Mentres medita sobre os motivos da súa enfermidade, Boonmee atravesará a xungla coa súa familia até chegar a unha cova no curuto dun outeiro, o lugar de nacemento da súa primeira vida.

ENTREVISTA AO DIRECTOR: Apichatpong Weerasethakul

Non adoita contar historias liñais nas súas películas.
Depende do proxecto. Neste filme si quería narrar unha historia; noutros casos non é tan importante. Aínda que sempre tento combinar o abstracto e o concreto, facer algo atractivo e non moi intelectual.
Como xurdiu o tío Boonmee?
Descubrino nun libro que me deu un monxe hai moitos anos. Trataba sobre un home que podía lembrar as súas vidas pasadas. Desde hai tempo quería facer un filme sobre os recordos e experiencias doutra persoa, a diferenza das miñas anteriores obras, nas que sempre primaron as miñas lembranzas.
Pero no filme quedan elementos das súas lembranzas.
A miña intención era facer unha adaptación fiel do libro, pero logo vin que non daba traballado sen a conexión persoal, así que fun introducindo elementos ficcionais relacionados coa miña memoria. Así, a doenza de Boonmee é parecida á que sufriu o meu pai antes de morrer.
Que ten de especial o norte de Tailandia que sae na súa obra?
É a zona do país na que crecín, moi empobrecida, case salvaxe, cun clima pouco agradecido, e que viu como gran parte da súa poboación emigraba a Bangkok. Unha zona que permaneceu oculta e esquecida, cun dialecto moi concreto. Grazas ao proxecto Primitive puiden percorrer todo o río Mekong e coñecer mellor esta rexión.
Os seus filmes parecían partidos en dous. Este é máis fragmentario.
Este está partido en seis bloques, correspondentes a cada un dos rolos de 35mm. En cada parte utilicei diferentes tipos de iluminación, localizacións e encadres. Cada fragmento evoca un enclave diferente do cinema que gocei de neno: os telefilmes tailandeses dos anos 70, os dramas de época…
O filme fala das crenzas animistas.
Quería falar sobre a vida a través da idea do renacemento, a transmigración das almas entre homes e animais. Pero quería facelo de modo abstracto, respectando ao espectador, permitíndolle navegar libremente polo filme. Tamén quería construír un relato moi sinxelo, minimalista, cargado de inocencia, como un conto infantil.
Investigou moito sobre o tema?
Si, coñecín varios casos de persoas reencarnadas. Pero para min é só unha posibilidade, non estou seguro de crer niso. En realidade non sabemos como funciona o cerebro. Pero si creo no poder da meditación, aínda que o meu nivel é algo limitado: precisariamos a David Lynch para explicalo ben.
É vostede budista?
Non realmente. O que me interesa do budismo é que non che impón ningunha crenza nin dogma, tes que experimentar todo por ti mesmo.
Reaparecen en Tío Boonmee… vellos personaxes do seu cine.
Son as testemuñas da miña evolución, e a min gústame velos crecer e envellecer. Son como unha familia. En parte, fago películas para reencontrarme con eles.
Que lle diría ao seu público?
Que se relaxe! Que abra a mente. Haberá persoas que entren e outros   que non entenderán nada. A min tamén me pasa o mesmo a miúdo co cinema máis comercial.
Cal será o seu próximo proxecto?
Quero rodar un filme de ciencia ficción. Escribín o borrador dun proxecto, Utopia, que transcorre nunha paisaxe nevada coa nave espacial de Star Trek abandonada. Quero traballar con antigas actrices do xénero, como Brigitte Bardot.

 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008