| 16OUFF e Cineclube presentan: POESÍA, de Lee Chang-dong |
|
FICHA TÉCNICA Shi. Corea do Sur, 2010. Cor, 140 min. Xénero: Drama | Dirección e guión: Lee Chang-dong | Produción: Lee Joon-dong (Pine House Film) | Fotografía: Kim Hyun-seok | Montaxe: Kim Hyun | Intérpretes: Yun Jung-hee (Mija), Lee David (Jong Wook), Kim Hira (Sr. Kang), Anh Nae-sang (Kim Yongtak), Park Myeong-sin (nai de Heejin) | Distribuidora: Golem | Versión orixinal con subtítulos en castelán.
PREMIOS
Festival de Cannes 2010: Mellor Guión SINOPSE Mija vive co seu neto adolescente nunha cidade dormitorio preto do río Han. É unha señora elegante e chea de curiosidade, imprevisible para os demais. Un día apúntase a un curso de poesía no centro cultural do barrio, e por primeira vez na súa vida vese na obriga de escribir un poema. Así, descobre a beleza da súa contorna habitual, á que non prestara atención até ese momento. Con todo, un suceso inesperado fai que descubra que a vida non é tan fermosa como cría… ENTREVISTA AO DIRECTOR | Lee Chang-dong Como definiría Poesía? Como calquera outro proxecto meu, Poesía é un desafío. Eu quería compartir co público as cousas significativas e fermosas que non vemos cos nosos ollos e que están a desaparecer por mor das condicións sociais desta época. Por iso fixen un filme con ese título, esa historia e esa protagonista. Cal é o desafío ao que se refire? Quería conectar coa audiencia pero dun xeito difícil e pouco familiar, en troques de facer algo sinxelo. Por iso creei certos obstáculos para os espectadores, para que os superasen e chegasen á meta vitoriosos. Cada vez hai máis filmes centrados en ofrecer só diversión e incentivos, e eu quería que Poesía estimulase sen recorrer a iso. A protagonista Yun Jung-hee fai unha interpretación maxistral. Sempre pensou nela para o papel? É unha actriz coñecida en Corea? Foi unha superestrela aquí, que rodou máis de 300 filmes, pero supoño que o público de 20 anos non a coñece, o salto xeracional está moi arraigado no cine coreano. Sempre a tiven en mente, mesmo antes de escribir o guión, e non me importaba que levase 15 anos afastada dos platós; de feito, o nome do personaxe, Mija, é o verdadeiro nome de Yun. Mija leva unha carga moi pesada, pero non se vén abaixo en ningún momento, gárdao todo dentro. Ela é unha anciá coa alma dunha moza noviña, que mira ao mundo como se todo fose novidoso. Era importante que tivese esa inocencia pois este é un filme sobre unha muller que reflexiona sobre a súa vida e as súas escollas. O poeta subliña a importancia de "ver as cousas de verdade". A poesía pode ter un paralelismo co cinema? Si, "ver ben as cousas" refírese á poesía, e tamén ao cine e ás demais artes que axudan a descubrir o sentido da vida. Algúns filmes axúdannos a ver o mundo baixo outro prisma. Outros só nos deixan ver o que queremos ver. Tamén os hai que nos impiden ver calquera cousa. O ton do filme é moi delicado, mesturando nalgunhas escenas humor, malestar, tristura e outras emocións diversas. Esa era a miña intención. A vida tamén é a un tempo fermosa e fea, radiante e escura, lixeira e pesada, e ás veces experimentamos moitos sentimentos distintos nun mesmo instante. Disque non é un filme tan escuro como as súas obras anteriores. Eu non creo que os meus filmes sexan 'escuros', pero é certo que os que os viron din que este é menos incómodo que os outros. Porén choca o contraste entre a dureza do universo amosado e a procura da beleza que se evoca. A nosa vida está composta de diferentes tonalidades de cor, e eu quería amosar o que era a poesía en cada uns deses aspectos. De onde vén o título? Unha mañá moi cedo, nunha habitación de hotel en Kioto, mentres vía na televisión imaxes tópicas de paxaros voando un río de augas mansas ao son dunha música relaxante, souben que un filme construído ao redor dun acto de violencia tan terrible só podía chamarse 'Poesía'. O filme ten un final aberto. Onde vai Mija tras deixar o poema? Quería que o público sacase as súas propias conclusións. Pero dou unha pista: a corrente do río suxire que Mija aceptou o destino da moza como se fose o seu. Diría algo máis ao seu público? Sei que é unha película moi aberta, na que o público ten que encher moito espazo baleiro. Só agardo que todos os soñadores do mundo vaian vela. Xa pensou no seu vindeiro filme? Teño dous proxectos pendentes pero aínda non decidín cal abordar. Un vai sobre a apocalipse, e o outro sobre un samurai.
|
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |