|
FICHA TÉCNICA
Kids and Kids. China, 2009. Cor, 89 min. Xénero: Drama | Dirección: Zhang Feng | Guión: Zhang Feng e Ya Tou | Produción: Dagima Film Studio | Fotografía: Yang Ge | Montaxe: Zhang Feng | Música: Wang Ke | Intérpretes: Zhang YingXiao, Zhu Fan, Yang ChongJuan | Distribuidora: Dagima Film Studio | Versión orixinal con subtítulos en galego.
SINOPSE
Lele, Beibei e Tiantian, de 14 anos, mercaron armas no mercado negro e montaron un grupo de tiradores para xogar ás guerrillas. Guigui, unha amiga de Lele, consegue entrar no grupo tras superar un desafío. Cando Lele ve que dous homes perseguen a unha moza, dispáralles e logra rescatala. Logo dunha pelexa familiar, Lele decide fuxir da casa, e comeza a traballar de repartidor. Nunha entrega, Lele atopa á moza que rescatou e namóranse. Pero cando Lele pensa que por fin terá un futuro feliz, descobre que Guigui non é de fiar…
A XUVENTUDE CHINESA Lu Ruca (China Today, extracto)
Como parte da súa globalización, China está a abrirse á cultura occidental. É común ver aos mozos chineses cos cabelos tinguidos de amarelo, escoitando música rock e gozando dos partidos da NBA. Pero cal é o impacto real do actual fluxo de cultura occidental cara China?
A avalancha cultural de Occidente
Tras vintepico anos de política reformista de apertura, a mocidade chinesa frecuenta restaurantes de comida rápida como McDonalds ou Pizza Hut e prefire os filmes de Hollywood sobre as producións locais. Segundo unha enquisa realizada a estudantes de ensino medio, entre os ídolos dos rapaces destacan Michael Jordan e David Beckham, coñecen máis a Harry Potter que a outros heroes da literatura tradicional e prefiren roupa deportiva estranxeira como Adidas ou Nike.
En comparación, a cultura chinesa tradicional queda relegada a un recuncho. Dos numerosos festexos tradicionais, só segue a celebrarse a Festa da Primavera, mentres que cada vez se incorporan máis festas estranxeiras como o Día dos Namorados e o Nadal. O mesmo pasa coa occidentalización do matrimonio e o sexo entre a mocidade chinesa, o que irrita á xeración maior. A proporción dos menores de 20 anos que favorecen o sexo prematrimonial é un 16% máis alta que a dos maiores de 30 anos. Por iso os máis novos gañaron o epíteto de xeración "moralmente dexenerada".
Tradición chinesa ben enraizada
Case todos os chineses admiten que a cultura occidental promoveu cambios no estilo de vida e os valores dos mozos, pero no tema da familia, só o 15% está a favor da primacía occidental da liberdade e a independencia persoais, mentres que o 44% pensa que tal visión é inaceptable. Isto indica que a maioría da mocidade en China aínda pon énfase na responsabilidade cara á familia.
O grao de aceptación da cultura occidental por parte da xeración máis nova vincúlase á súa localización e idade. Os que viven en cidades grandes teñen máis canles para entrar en contacto coa cultura estranxeira. A mediados dos anos 80, en plena efervescencia dos conceptos occidentalizadores entre a mocidade, manterse solteiro era unha moda, pero segundo foron crecendo, estes mozos volveron á tradición matrimonial de cara á madurez.
Os estudantes estranxeiros, máis hedonistas, non entenden que os seus colegas chineses estuden mesmo as fins de semana, e din deles que non teñen vida propia. Custa moito librarse de conceptos tradicionais formados tras miles de anos.
A fusión das culturas
Despois de experimentar a tendencia liberal dos anos 80, a mocidade chinesa adoptou unha aproximación máis racional cara á cultura occidental, e deixou de acatar cegamente os seus ditados. Pola contra, tenden agora a absorber elementos das culturas oriental e occidental mediante a análise e a selectividade. Por exemplo, só o 14% se adhire sen pensalo á liberación sexual. Pero tamén cómpre mencionar que os conceptos morais feudais foron rexeitados polos mozos: trátase sen dúbida dunha manifestación de progreso social. Os mozos manexan a cultura tradicional, armados de teorías racionais e avanzadas.
De feito, hoxe resulta difícil definir se as formas de vida da mocidade proveñen de oriente ou occidente. Certos costumes occidentais mesturáronse coa vida chinesa até devir parte da cultura oriental. Moitos deciden casar só despois de cumprir os 30, como resultado da procura dunha mellor calidade de vida. Pero hai dúas décadas, unha actitude dese tipo sería criticada. Na devandita enquisa, o 50% dos mozos opinou que tanto a cultura chinesa como a occidental teñen debilidades, e deben desenvolverse en paralelo aprendendo unha da outra.
|