| [16OUFF e Cineclube presentan]: I'M STILL HERE, de Casey Affleck |
![]()
FICHA TÉCNICA ENTREVISTA AO DIRECTOR | Casey Affleck Moita xente creu que o filme era un documental. É o que quería? Non pretendía que a xente debatese tanto a veracidade ou non do filme. Pero sempre é mellor iso que a apatía. Picasso adoitaba dicir que a arte é a mentira que conta a verdade. A miña intención non era enganar, era provocar emocións. Pero cando fas unha película sempre tratas de enganar. Porén, cando se presentou o filme no Festival de Venecia, insistiu en que a historia era real, e non o desmentiu até a estrea comercial. Foi por presións da distribuidora, que querían que o público e os críticos a visen e a xulgasen sen saber se o amosado era real ou ficticio. Tampouco foi xusto para Joaquin, que tivo que andar agochado durante toda a súa estadía en Venecia. Eu creo que ao final foi un erro, pero daquela estiven de acordo co engano. Que os levou a meterse nun proxecto coma este? Contar unha historia do mellor xeito posible, que para nós era que a xente identificase a Joaquin co seu personaxe, un actor famoso que quere converterse en cantante. Pero comete erros, erros que o mundo non perdoa. E as cousas sáenlle mal, non se recupera, e afúndese cada vez máis... É a súa película unha crítica á obsesión pola fama? Cada cultura é diferente, e a nosa está obsesionada pola celebridade. Creamos famosos e logo acosámolos até destruílos. Non sei onde nos vai levar iso, ou que significa, pero é o que facemos. Vivino moi de preto. A Phoenix caéronlle reproches de todos os lados... Había moitos medios de comunicación empeñados en satirizar a súa imaxe. Medios que se negaban a entrevistar a Joaquin aducindo que non sabían se tiña problemas mentais, pero que logo non dubidaban en rirse del en antena. E non estou a falar do gag que fixeron Ben Stiller e Natalie Portman na gala dos Oscars: os dous sabían que Joaquin estaba ben e de que ía o filme. Estaba Phoenix sempre metido no seu papel ou podía desconectar? Cando non rodabamos saía do personaxe. Pero cando estaba en público, rodando ou non, tiña que comportarse de xeito coherente co personaxe. A famosa aparición de Phoenix no programa de David Letterman estaba pactada? Non. E se David sabía algo, non foi porque nós llo dixeramos. David é un xenio, un tipo que consegue ser gracioso noite tras noite. É quen de converter as situacións máis estrañas en momentos divertidos. A Joaquin custoulle non saírse do personaxe nesa entrevista. Seica James Gray, o director de Two Lovers, anoxouse moito polo comportamento de Phoenix durante a promoción do seu filme. Magnolia era a produtora de ambos filmes, e James estaba ao corrente do que acontecía. Podo entender que el quería que só se falase da súa película, pero tamén creo que non tería ido tanta xente a vela se Joaquin non saíse con barba de tolo e anunciase que se retiraba. Como é o cuñado de Phoenix, iso explica o seu acceso a el durante o período de crise do filme. Pero que pensou a súa muller, irmá del, de toda esta historia? Téñoa aquí ao meu carón, voulle preguntar. Di que: "Xa sabes o que penso". Eu: "E que pensas?". Ela: "Estaba contenta". Eu: "Por que?". Ela: "Porque tras todas esas putas conversas sobre facerdes algo xuntos, por fin o estabades a facer. Pero amólame que os críticos só falen de se o filme é real ou non, e non sobre o que trata". Eu: "E sobre que trata?". Ela: "Déixame en paz e fai ti a túa estúpida entrevista!". Quedou satisfeito do seu papel como director no filme? Agora vexo moitos erros que corrixiría se puidese. Pásame o mesmo cos meus traballos actorais. E que pensa da habilidade de Phoenix como rapeiro? El ben o sabe: podería mellorar moito se practicase máis.
|
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |