Galego
Español
English
16 OUFFF e Cineclube presentan: RIP! A REMIX MANIFESTO, de Brent Gaylor
Axenda20.jpg
FICHA TÉCNICA
Rip! A Remix Manifesto. Canadá, 2009. Cor, 80 min. Xénero: documental | Dirección: Brent Gaylor | Guión: Brett Gaylor | Produción: Mila Aung-Thwin, Kat Baulu e Germaine Ying Gee Wong (Eye Steel Film / National Film Board of Canada) | Fotografía: Mark Ellam | Montaxe: Tony Asimakopoulos e Brett Gaylor | Música: Olivier Alary | Versión orixinal con subtítulos en galego.

SINOPSE
Gaylor quería facer un filme sobre o seu músico favorito Girl Talk, pero descubriu que iso o convertería nun criminal, xa que Girl Talk fai mash-ups a partir de sampleos doutras cancións cuxos propietarios legais (que non é o mesmo que lexítimos) batallan contra as novas tecnoloxías e o uso creativo das "súas" ideas. Entón Gaylor dedicou seis anos a trazar pasado, presente e futuro dos conceptos de propiedade intelectual, copyright e copyleft, orixinalidade, creatividade e, en última instancia, cultura; e despois subiu todo ese material a internet e pediu que os usuarios o descargasen e colaborasen facendo así a primeira película mash-up da historia.

 

 

ENTREVISTA AO DIRECTOR
Fálenos do filme; por que decidiu enfrontarse á industria discográfica e a lei de dereitos de autor?
Eu non quería tanto desafiar á industria discográfica como celebrar a creatividade individual. Para alguén que estivo involucrado en internet e na cultura dixital dende o principio, sempre foi moi evidente que había unha desconexión entre os modelos industriais existentes de comercio e produción e o pensamento dixital, que vai sobre o libre fluxo da información e a conectividade. Esa tensión, que se fixo evidente cando apareceron os primeiros programas de intercambio de arquivos peer-to-peer como Napster, é o que quería explorar eu. Cando comecei a facer a película, centrábase máis na industria musical, pero segundo fun investigando e descubrín a historia dos dereitos de autor, o proxecto medrou. Non me preocupaba tanto o futuro da industria musical como o modelo anquilosado de propiedade intelectual e as cuestións subxacentes a isto.
Cal é o problemas dos dereitos de autor no século XXI?
Cando se deseñou orixinalmente a lei de dereitos de autor, era para gobernar a imprenta, á que moi pouca xente tiña acceso, e trataba un contexto moi específico. No século XX mudou o modelo de consumo cultural: agora calquera  pode crear contidos e chegar a millóns de persoas. Pero a lei segue a ser a mesma e empeza a desconectarse da realidade: non pode aplicarse igual aos editores que a Facebook, YouTube ou Hulu.
Preocupáballe ser demandado por facer este filme?
O meu proxecto sempre estivo pensado para empurrar os límites do uso lícito dos contidos e para facer evidentes os problemas no deseño da lei. Coido que na película  fixemos un uso lexítimo dos materiais, sempre co gallo de investigar, comentar e criticar. Tivemos a unha chea de avogados analizando o filme e interpretando se cada clip incluído estaba a usarse correctamente ou non. Ademais, traballei ao abeiro do National Film Board of Canada,  e deume moita confianza saber que o goberno canadense me apoiaría se unha gran corporación nos ameazaba cunha demanda..
Como foi traballar con Girl Talk?
Xenial! Sumamente divertido. Unha das cousas que máis me gustou de Greg Gill é que non é un activista dos dereitos de autor, só quere ser músico e facer as súas cousas, máis nada. O que fai é ser creativo e creo que debería ter a oportunidade de expresarse sen censura. Quedei encantado de facer este proxecto con Greg, deulle ao documental a parte humana que lle facía falta.
Tras facer un filme sobre estas cuestións, cambiou de opinión sobre a propiedade intelectual?
O reto segue a ser actualizar o concepto clásico de dereitos de autor: proporcionar un incentivo ao creador, e ao mesmo tempo garantir o acceso do público á obra. En última instancia, iso é o que a maioría da xente no movemento procuramos: un equilibrio. Por iso, tras un prazo limitado de explotación comercial (medido en meses!), fixen o filme  de dominio público para que puidese ser copiado libremente.
Open Source Cinema é unha gran idea que convida a participar, modificar e compartir. Na páxina pódense descargar vídeos, modificalos e volver subilos, ou crear material propio de cero. Fálenos un pouco do proxecto.
A finalidade de Open Source Cinema é facer unha base de datos para outros directores ou creativos que queiran facer documentais coma min, e desta forma podemos ter unha gran retroalimentación con fotos, sons, vídeos... É unha plataforma xenial! Toda esta idea xurdiu con Rip!, todo está aberto a cambios ou comentarios, así que non dubiden en darse unha volta; cambiar non é romper, cambiar é evolucionar.
Hai voces críticas que se queixan de que presenta un punto de vista parcial e interesado.
Veña, oh, isto é un manifesto, xa o di o título. Os manifestos non son imparciais, e non tenden a ser sutís nas súas argumentacións; non tratar de facer de avogado do diaño mediando entre dúas partes. Aquí só presento unha postura, a miña; nunca o agochei.

 
Política de privacidade  |  Termos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008