| O 16OUFF acolle a presentación dos Papeis da Academia, memoria dun ano de audiovisual |
|
A presentación centrouse na figura deste anuario do audiovisual, que ademais do libro e o CD, inclúe “unha memoria USB onde engadimos un importante soporte gráfico de varias rodaxes, carteis ou entregas de premios, como os Premios Mestre Mateo celebrados este ano aquí en Ourense”. Neste anuario poderemos encontrar unha recompilación de todos os foros, festivais, premios e obras destacadas do audiovisual feitas durante esa etapa. Tamén conta cunha escolla de artigos de opinión de varias personalidades destacadas do sector. Para o peche do volume, deixáronse as páxinas en recordo aos membros da Academia que finaron durante ese período. Nesta edición, o CD de As músicas da Academia vai adicado enteiramente a Nani García porque, como destacou o director da Academia, “el merecíao especialmente: ademais do seu mérito como músico e compositor, que xa era suficiente, dedicou moito esforzo e horas a traballar na Academia”. O músico coruñés quixo agradecer esta homenaxe, especialmente “porque aquí, na Academia, atopei un lugar adecuado para min”. O disco inclúe unha escolma de pezas do artista dende o 2000 ata o 2009. Porén, sobre a mesa do Auditorio tamén se falou da crise do sector audiovisual. Nani García quixo reivindicar que “ultimamente parece que todos os recortes van a parar á cultura e que non somos máis que un adorno de mesiña”. Na mesma liña, Isabel Pérez destacou como“hai que reivindicar a labor do audiovisual galego como xerador de riqueza e de emprego”. O director do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla tamén falou sobre o tema coa confianza de que “este será o peor ano para nós. Xa pasamos dificultades antes e ista tamén a imos superar”.
O acto finalizou coa interpretación ao piano de dúas pezas propias de Nani García para películas de cine.
|
| Política de privacidade | Termos de uso | Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008 |