Galego
Español
English
OUFF e Cineclube presentan '+CINE', a programación estable para 2012
120109_banner_maiscine1.jpg
9|01|2012. O Festival de Cine Internacional de Ourense (Ouff) e o Cineclube Padre Feijóo anuncian, coa chegada de 2012, unha nova edición da súa programación estable de cine alternativo ao circuito comercial. +CINE nace coa vocación de continuar o camiño de colaboración iniciado en 2011, e prepara unha batería de filmes de calidade para as noites dos mércores.
A mellor mostra desta ambiciosa aposta é a oferta para o mes de xaneiro: Unha ollada ao palmarés do 64 Festival de Cannes, que inclúe tres dos títulos máis relevantes do momento, obras de recoñecido prestixio asinadas polos directores máis laureados do ano.
64cannes.jpg
> Mércores  11 | MELANCOLÍA, Lars Von Trier. Premio á Mellor Actriz (Kirsten Dunst) no Festival de Cannes; Mellor Película, Mellor Fotografía e Mellor Deseño de Produción nos Premios do Cinema Europeo 2011; vén de ser elixida Mellor película do ano pola Sociedade Nacional de Críticos de Estados Unidos...
> Mércores 18 | O NENO DA BICICLETA, Jean-Pierre & Luc Dardenne. Gran Premio do Xurado en Cannes; Mellor Guión nos Premios do Cinema Europeo 2011... Un filme que aborda a procura da paternidade perdida por parte dun neno de 12 anos abandonado nun hospicio, unha ollada moi particular das relacións humanas.
> Mércores 25 | A ÁRBORE DA VIDA, de Terrence Malick. Palma de Ouro á Mellor Película en Cannes; Mellor Película nos Premios Gotham 2011; premios de Mellor Actor, Actriz Secundaria e Fotografía no Círculo de Críticos de Nova York 2011; Mellor Director do ano para a Sociedade de Críticos de Estados Unidos...
Todas as películas proxectaranse no Cinebox en dobre pase, ás 20:30h e ás 23:00h. O prezo da entrada é de 4€ (desempregados, estudantes con carné universitario e maiores de 65 anos, a 3€).
No mes de febreiro, +CINE continúa co ciclo Cine Político, no que se proxectarán Habemus Papam, de Nanni Moretti, Four Lions, de Christopher Morris, e Il Divo, de Paolo Sorrentino.

> Descarga aquí o póster do mes de xaneiro e aquí o tríptico para os meses de xaneiro e de febreiro
 
Privacy Policy  |  Terms of Use  |  Ourense International Film Festival