Galego
Español
English
+CINE Route to Sundance: 'Happythankyoumoreplease', de Josh Radnor
1203_+cine_banner_web.jpg
HAPPYTHANKYOUMOREPLEASE | Mércores 11 de abril | Cinebox | Pases ás 18:00, 20:30 e 23:00h

 FICHA TÉCNICA
htymp.jpgHappythankyoumoreplease. Estados Unidos, 2010. Cor, 100 min. Xénero: Comedia romántica | Dirección e guión: Josh Radnor | Produción: Jesse Hara, Austin Stark, Chris Papavasiliou, Benji Kohn (Myriad Pictures, Paper Street Films) | Fotografía: Seamus Tirney | Montaxe: Michael Miller | Música: Jaymay | Intérpretes: Josh Radnor (Sam Wexler), Kate Mara (Mississippi), Malin Akerman (Annie), Zoe Kazan (Mary Catherine), Pablo Schreiber (Charlie) | Distribuidora: Avalon | Versión orixinal con subtítulos en castelán.

PREMIOS
Festival de Sundance 2010: Premio do Público
Cineuropa 2010: Mellor Película Internacional

SINOPSE
A vida sentimental de Sam Wexler, un aspirante a escritor, non vai  mellor que a súa carreira; pasa dunha relación a outra, evitando o compromiso, ata que coñece a Mississippi, unha fermosa camareira que é tamén cantante. Queda tan fascinado por ela que lle propón un curioso trato que fará cambalearse a súa vida e a dos seus amigos. 

ENTREVISTA AO DIRECTOR | Josh Radnor
Por que quixo facer este filme?
Quería facer unha película que me gustase ver. Frústrame que os filmes escuros sexan considerados máis sofisticados e auténticos que os optimistas, polo que quería facer algo deliberadamente anticínico.
Ademais de actuar no filme, tamén debuta como guionista e director. Por que deu o salto?
Non tiña pensado dirixilo, cría que con escribir e actuar tiña abondo. Pero mentres desenvolvía o texto, decateime de que o seu ton era complicado: de facerse moi cómico podía ser histriónico, e de facerse melodramático podía ser patético. O meu reto como director era protexer o ton, asegurarme de que todos traballásemos na mesma película.
Hai elementos autobiográficos no guión?
No filme falo máis de cousas que me preocupan que de cousas que me pasaron. Pero por exemplo, Rasheen está baseado nun neno que coñecín cando era monitor de campamento,
que ía dun fogar de acollida a outro, e ao que espero que lle fose ben na vida; e Annie está baseada na miña amiga Rachel, que tamén sofre de alopecia universal.
josh_radnorOs personaxes teñen vinte e tantos anos e están marcados polo seu peterpanismo. Cre que fixo un filme xeracional?
Pretender definir os sentimentos dunha xeración leva inevitablemente a facer unha mala película. En calquera caso, é máis estimulante escribir sobre persoas perdidas que buscan o seu lugar. Coñezo moi pouca xente que non se sinta así.
Que diferencias ve entre este filme e o seu traballo na sitcom Como coñecín á vosa nai? Seica buscaba desencasillarse?
Estoulle moi agradecido ao papel de Ted Mosby, pero apetecíame facer cine e ter unha carreira variada, e aproveitei esta oportunidade para poder crecer profesionalmente. Tamén é moi difícil comparar ambas experiencias: rodar nun estudio de televisión con risas enlatadas e ao servizo da visión doutro con rodar en exteriores estando eu ao mando de todo. Porén, aprendín moito da directora da serie, Pam Fryman, que traballa cun ritmo rápido e creando un moi bo ambiente. Co filme non quería entreter, senón máis ben transmitir unha sensación de honestidade, que o público fose voyeur das vidas destas persoas. De feito, ás veces os chistes distraían desa implicación e quitabámolos.
Happythankyoumoreplease é un filme topicamente neoyorquino?
Creo que vai máis aló do clixé, pero é certo que moita xente díxome que a Nova York de verdade no é tan alegre como a do filme. Podería dicirse que é unha ollada a Nova York dende a Costa Oeste.
No filme hai unha referencia a Woody Allen. Marcoulle á hora de poñerse detrás da cámara?
Woody Allen é un dos meus referentes permanentes, aínda que non me gusten todos os seus traballos (a gran diferencia é que el fixo 45 películas e eu unha). En xeral gústanme as comedias que che poden facer chorar. Encántame Richard Linklater: a miña idea dun bo filme é ver pasear a Ethan Hawke e Julie Delpy por cidades europeas. Magnolia tamén foi unha gran influencia: gustaríame ter a coraxe de Paul Thomas Anderson.
Como levou a rodaxe?
Filmamos en 23 días. Nova York é o e mellor e o peor sitio para rodar: o deseño de produción é insuperable, pero a cidade non se detén cando berras “silencio e acción!”. Xurdiron problemas de horarios e atrasos, e custoume compatibilizar actuar e dirixir, pero a pesar dos sustos e as discusións e o suspense (“se non sae esta toma, non hai película!”), todo saíu ben. Foi a experiencia máis esgotadora da miña vida, pero ía mentalizado, e mesmo me divertín resolvendo os desafíos. Era un acto de fe: aceptar que as cousas non irían como estaba planeado pero que non pasaba nada.
Véselle unha gran complicidade coas actrices da película.
Fano xenial, reinvéntanse a elas mesmas: Kate sempre tivera papeis de rapariga e Malin sempre é a guapa loura. Amosaron que teñen talento e poden facer outras cousas.
Como espera que reaccione o público ante o filme?
Espero que rían moito, que choren un pouquiño e non miren nin unha vez para o reloxo. Que saian do cine de moi bo humor. E que vaian a casa e descarguen os discos de Jaymay.


E A SEMANA QUE VÉN: Winter's Bone | Dir. Debra Granik | Mércores 18 | Pases ás 18:00, 20:30, e 23:00 h  Cinebox

 

 
Política de privacidad  |  Términos de uso  |  Festival de Cine Internacional de Ourense Copyright © 2008