Dunia Álvarez presenta no OUFF o seu libro e documental “A meca dos cines”

  • A súa directora fala sobre a historia do cine na localidade pontevedresa de O Grove

Ourense, 4 de decembro. Dunia Álvarez presentou no Ourense Film Festival o seu libro e documental “A meca dos cines” acompañada polo alcalde de O Grove, José Antonio Cacabelos Rico, e pola concelleira de Cultura, Emma Torres Romay. A cineasta quixo facer un traballo de fin de grao sobre a historia da localidade pontevedresa co mundo do cinema e de aí saíron o libro e o documental “A meca dos cines”.

Neste documental e no posterior libro, Dunia Álvarez fai un repaso histórico polas salas de cine que tivo O Grove, “que chegaron a ser catro, tres delas funcionando ao mesmo tempo na década dos 50 nunha localidade de 7.500 habitantes”. A autora fixo un traballo en primeiro da carreira de Comunicación Audiovisual sobre este tema, que despois “quedou nun caixón”.

Foi no proxecto de fin de grao cando decidiu recuperar o tema e profundizar nel, co apoio de Miguel Anxo Fernández que se amosou orgulloso da que foi a súa pupila. “O título é un xogo de palabras con mecos, que é como se nos coñece aos do Grove” explicou ao mesmo tempo que falou das moitas anécdotas que se recollen en “A meca dos cines”.

A concelleira de Cultura quixo agradecer o esforzo por “recoller a memoria colectiva do pobo nun exercicio de conservación do noso patrimonio”. Tamén falou da necesidade de que “todos nos comprometamos coa cultura e poñer da nosa parte”. Para o alcalde, José Antonio Cacabelos, esta obra “fala da historia dos cines do Grove pero é historia dos cines de calquera vila de Galicia” e recolle “historia real e local do noso pobo”.

O documental, que forma parte das Sesións Especiais desta 23 edición do OUFF, poderá verse esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partir das 18:00 horas e con entrada de balde ata completar aforo.