Os estudantes experimentan como é o OUFF por dentro

  • As actrices galegas Mariana Carballal e Isabel Naveira imparten charlas a alumnos do IES Otero Pedrayo e do Padre Feijoo-Zorelle.
  • Estudantes do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro conversan sobre cine con Manane Rodríguez e Xavier Bermúdez.
  • Os rapaces asistiron ás presentacións do libro “Manane Rodríguez. Una voz en libertad” e dun estudo sobre os documentais da emigración galega

Ourense, 3 de decembro. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibía esta mañá no Pazo Provincial a Mariana Carballal e Isabel Naveira, que previamente acudiran aos institutos ourensanos grazas ao convenio de colaboración entre a Fundación AISGE e o OUFF,  onde impartían unha charla sobre actuación dramática e compartían as súas experiencias persoais como actrices.

Ademais, estudantes de Secundaria de varios centros de Ourense descubriron hoxe como é o Ourense Film Festival (OUFF) por dentro e coñeceron a algúns dos seus protagonistas. Esta é unha das novedosas iniciativas da 23 edición que pretende achegar o cine aos escolares para que descubran, coñezan, sigan e vivan o OUFF. Así, os alumnos do  IES Otero Pedrayo e do Padre Feijoo-Zorelle mantiveron un encontro coas dúas actrices, mentres que os estudantes do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro asistiron a varias roldas de prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde tiveron a oportunidade de facerlle preguntas ao premio Calpurnia de Honra do OUFF, o cineasta Xavier Bermúdez.

José Manuel Mouriño, Carmen Leyte

Mariana Carballal e Isabel Naviera impartían nos institutos unha charla sobre actuación dramática ao tempo que compartían as súas experiencias persoais como actrices. Un dos temas que abordaban no encontro, precisamente hoxe que arrincaban as proxeccións do Ciclo Feminino, era o da situación da muller no sector audiovisual. Para Carballal, charlas como estas son “necesarias para que este discurso estea tamén nas aulas”. Pola súa parte, Naveira considera que a iniciativa é “interesantísima” non tanto para a formación de futuros cineastas, senón porque se trata de futuros espectadores.

Mentres, estudantes de segundo da ESO do IES Celanova participaron nas presentacións en rolda de prensa dun estudo sobre os documentais de emigración e do libro “Manane Rodríguez. Voz en libertad”, que firma o  xornalista e escritor Antonio Peláez. Os rapaces puideron ver como se desenvolve un acto deste tipo e coñeceron de primeira man as labores de comunicación que se realizan dende o OUFF. Os estudantes de Celanova eran o segundo grupo que realizou esta actividade pola que xa pasaron escolares do Luis Vives e á que se sumarán o próximo mércores os alumnos do Padre Feijoo-Zorelle.

Antonio Peláez, Manane Rodríguez, Xavier Bermúdez

Ademais, tiveron a oportunidade de facerlle preguntas á directora Manane Rodríguez e ao cineasta Xavier Bermúdez, premio Calpurnia de Honra nesta edición doOUFF, o que derivou nunha animada charla sobre cine e as diferenzas entre películas e novelas.

O libro ‘Manane Rodríguez. Voz en libertad’ repasa a filmografía da produtora e realizadora uruguaia, “unha directora que é un festival case en sí”, explica Antonio Peláez, autor do volumen. Pola súa banda, o estudo sobre os documentais da emigración galegos é un traballo de investigación do ensaísta e cineasta José Manuel Mouriño que conta co apoio da Fundación Carlos Velo.