O director ourensán Xavier Bermúdez recibirá o premio Calpurnia de Honra

 

  • O certame publicará un monográfico sobre o cineasta e proxectará parte da súa filmografía, na que destaca a longametraxe “León y Olvido”, que recibiu no seu día os premios ó mellor director e á mellor actriz para Marta Larralde no Festival de Cine de Ourense.

Ourense, 9 de novembro de 2018. O director ourensán Xavier Bermúdez recibirá o Calpurnia de Honra na edición número 23 do Festival de Cine de Ourense (OUFF). Con este galardón, o certame quere recoñecer a traxectoria artística dun cineasta e produtor que rodou algunhas das longametraxes de ficción máis premiadas do audiovisual galego. Entre elas cabe destacar “León y Olvido”, que se fixo cos premios de mellor director e mellor actriz no OUFF.

A nova edición do festival tamén proxectará boa parte da filmografía do cineasta e publicará unha monografía sobre a súa carreira. Ó recibir a Calpurnia de Honra, Bermúdez súmase a unha lista de homenaxeados na que figuran Montxo Armendáriz, Luis G. Berlanga ou o actor Imanol Arias.

Produtor en Galicia

Xavier Bermúdez naceu en Ourense en 1951. Estudou na facultade de Ciencias da Información da Universidad Complutense e comezou a súa carreira profesional como xornalista, tanto en prensa -foi redactor xefe de cultura en “La Tarde” e crítico de cine no suplemento cultural de “El Mundo”- como na radio, onde colaborou nos programas de RNE/Radio 3 “Perfil de ruedo”, “Caravana de hormigas” e “Pensamento3”.

Foi en 1992 cando dirixiu a súa primeira longametraxe “Luz negra”, coa que Mónica Molina recibiu o premio de interpretación en Gijón e Alcalá. En 1994, con Luis Miguel Fernández e a súa parella, a tamén directora Manane Rodríguez, fundou a súa produtora Xamalú, con sede en A Coruña e coa que rodou varias películas en Galicia. “Nena” (2000), premiada en Alcalá; “León y olvido” (2004), que recibiu galardóns, ademais de en Ourense, en Karlovy Vary, Atenas, Toulouse ou Tallin; “Rafael” (2008); e “Ouro do tempo” (2018), galardoado en Calanda, Karlovy Vary, Varna e Durres.

Por outra banda, Xavier Bermúdez escribiu e rodou varias curtametraxes e documentais e foi coguionista de “Los pasos perdidos” (2001), “Un cuento para Olivia” (2007), “Un ajuste de cuentas” (2011) e “Migas de pan” (2016). Entre as súas contribucións ó cine destaca tamén a autoría de “Buñuel: espello e soño” (Edicións da Mirada, 2000), un dos mellores libros publicados en España sobre o xenio de Calanda.

O premio Calpurnia de Honra é un dos galardóns con máis traxectoria na historia do Festival de Cine de Ourense, xa que se entregou por primeira vez na segunda edición do certame, en 1997. A figura, creada polo escultor Manuel Buciños, é un dos símbolos máis recoñecibles do OUFF. O nome fai referencia a Calpurnia Abana, a primeira muller coñecida de nome romano e orixe galaico, cuxo nome apareceu en 1802 nunha horta en Tenencia, moi preto das Burgas. Este ano, o premio recae nun dos guionistas e directores ourensáns en activo máis recoñecidos do mundo do cine.