Kepa Junkera estreará “Mar de Terra” no Festival de Cine de Ourense

O músico vasco percorre algúns dos entroidos máis singulares de Ourense e Lugo nun documental rodado polo realizador ourensán José Antonio Blanco. A película inaugurará o 29 de novembro a nova edición do OUFF.

Ourense, 14 de novembro de 2018.- O músico vasco Kepa Junkera sempre sentiu paixón pola celebración do entroido galego e, por fin, neste 2018 puido vivilo en primeira persoa. A súa experiencia, a veces como un espectador máis e outras como partícipe activo, quedou plasmada nun documental que se estreará o vindeiro 29 de novembro.

“Mar de Terra”, dirixida polo realizador ourensán José Antonio Blanco e con música orixinal do propio Kepa Junkera será a película de inauguración da nova edición do Festival Internacional de Cine de Ourense. Un documental que o músico define como “moi humano, moi sincero”, que xurdiu de forma improvisada e se rodou en menos dunha semana e que recolle imaxes dos entroidos de Verín, Laza, Xinzo, Salcedo, Viana do Bolo e Santiago de Arriba (Chantada).

En “Mar de Terra” veremos, por exemplo, como se viste un peliqueiro de Laza ou unha pantalla de Xinzo pero con “sinceridade 100 por 100, coma se o protagonista llo contara a un amigo que vai de visita”, explica Kepa Junkera. Porque de feito, a orixe deste documental son, precisamente, as moitas amizades que o músico de Bilbao mantén en Ourense dende fai anos, froito dunha estreita relación con Galicia de varias décadas.

Entroidos en primera persoa

“Mar de Terra” fai referencia no seu título a esa “outra Galicia que ten unha forza incríbel, ese mar que tamén chega ó interior”. A película, rodada “con moito cariño” e sen guión, supón unha das primeiras incursións de Kepa Junkera diante da cámara. O músico guíanos polas entrañas dos entroidos ourensáns e lucenses, e mesmo se pon na pel do oso de Salcedo. Pero tamén, como non podía ser doutro xeito, aporta a música: temas orixinais compostos como homenaxe a unha “cultura poderosa e forte” xunto con outros do seu disco “Galiza” (2013).

A estrea de “Mar de Terra” terá lugar o vindeiro 29 de novembro na gala inaugural do OUFF no Auditorio Municipal de Ourense. Dende o festival estase a traballar, ademais, na organización dalgunha actividade paralela relacionada con este documental.