A Fundación Carlos Velo colabora cun estudo sobre os documentais da emigración galegos

– José Manuel Mouriño é o autor desta investigación inda en desenvolvemento.

Ourense, 3 de decembro​​. O investigador e cineasta José Manuel Mouriño está a preparar un estudo sobre os documentais da emigración galegos, imaxes que se enviaban aos emigrantes, sobre todo os que vivían en Sudamérica, para que puideran recordar como era  a súa terra e “case poder abrazar esas imaxes”. A investigación conta co soporte da Fundación Carlos Velo, xa que, en palabras da súa presidenta, Carmen Leyte, “a emigración forma parte das nosas raíces”.

José Manuel Mouriño explicou que este fenómeno, tamén coñecida como a correspondencia cinematográfica galega, é singular en Europa, e por iso quere achegar o seu estudio ás fórmulas que se utilizaban noutros países con tradición emigrante, como  Irlanda ou Italia.

Trátase dunha investigación histórica que está inda en desenvolvemento, e coa que Mouriño tamén pretende amosar que pode aportar ao cine esta fórmula dos documentais da emigración galegos.