Mabel Rivera recolle esta noite na clausura do OUFF o Premio Fundación AISGE a unha traxectoria

A actriz bromeou sobre o premio dicindo que “parece que me queren botar da profesión”

Ourense, 5 de decembro. A actriz ferrolá Mabel Rivera recibirá esta noite o Premio Fundación AISGE a unha traxectoria na gala de clausura do Ourense Film Festival. Cunha exitosa carreira na que pasou polo cine, o teatro e a televisión, recollerá este galardón en recoñecemento a toda unha vida dedicada á interpretación.

No encontro que hoxe mantivo cos medios, a actriz amosouse moi feliz con este galardón que lle outorga a delegación en Galicia da Fundación AISGE. “Dende o pasado ano levo varios premios de honra, que está moi ben pero tamén me pregunto se estarei acabando a miña traxectoria” bromeou Rivera, que aclarou que “independentemente de que vexo que me queren botar da profesión, estou moi agradecida de estar aquí en Ourense e con este premio”.

A actriz tamén quixo comentar cos alumnos do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, que asistiron a xornada de hoxe do OUFF para coñecer o festival por dentro, o papel que xoga a idade para as mulleres no mundo da interpretación. “Para os compañeiros actores a idade é un punto de prestixio mentres que no caso das mulleres contratan a unha de 50 para facer o papel dalguén da miña idade” explicou a actriz.

Ademais da concesión do premio a Rivera, a gala de clausura desta 23ª edición do OUFF contará con numerosas actuacións musicais e coa entrega dos premios da Sección Oficial aos mellores longametraxes, curtas e Fas Muvis. O punto final será a proxección do filme francés “Un hombre fiel”, premiada no Festival de San Sebastián.

Mabel Rivera

Teatro, cine e televisión

Mabel Rivera iniciouse no teatro nos anos 70, participando aproximadamente en dez espectáculos antes de 1984, ano de fundación do Centro Dramático Galego, onde comenza a traballar como profesional incorporándose a un dos primeiros elencos desta compañía institucional. En Galicia é coñecida dende fai máis dunha década como a protagonista da comedia de maior éxito da TVG, “Pratos combinados”, onde interpretou o personaxe de Balbina. O recoñecemento a nivel nacional chegoulle ao ser unha das actrices da oscarizada película “Mar Adentro”, dirixida por Alejandro Amenábar, que lle valeu o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto, o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española e unha longa lista de galardóns.

Rivera ten traballado como presentadora, tradutora, axudante de dirección, e dobladora. Ten producido, xunto ao director de fotografía e realizador de televisión Enrique Banet, os documentais: “El Salario del Silencio” e “Unha lousa sobre o Courel”. É licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela (1984) e graduada en Arte Dramático pola mesma Universidade (1999– 2001).