“Mar de Terra” abre o Festival de Cine de Ourense cunha homenaxe ao Entroido

  • O músico Kepa Junkera protagoniza o documental que percorre algún dos entroidos máis coñecidos de Ourense e Lugo, e pon a banda sonora ao filme que inaugurará a 23 edición de OUFF.
  • A película, rodada este ano, está dirixida polo ourensán José Antonio Blanco.

Ourense, 29 de novembro. “Mar de Terra” será a encargada de inaugurar, esta noite, a 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. O documental dirixido polo ourensán José Antonio Blanco recorre algúns dos entroidos máis coñecidos de Ourense e Lugo da man do músico Kepa Junkera que, ademais de colaborar no guión e protagonizar a cinta, compuxo a música orixinal para a película.

O que ía ser unha reportaxe de 4 minutos de duración, segundo explicou Blanco durante a presentación desta mañá, converteuse finalmente nunha cinta de 60 minutos de duración, que poderá verse hoxe no Auditorio Municipal a partires das 21:00 horas.

Presentación Mar de Terra

“Mar de Terra” está producida por Javier Torquati Díaz e rodouse en 3 días en febreiro deste ano nos entroidos de Verín, Laza, Xinzo, Salcedo, Viana do Bolo, Santiago de Arriba, Vilariño do Conso e Manzaneda. No documental, o músico vasco, que mantén fortes lazos de amizade con Galicia, achégase aos protagonistas dos distintos entroidos de Ourense e Lugo para amosar outra perspectiva da festa, “unha visión moi fresca e sorprendente”, en palabras de Antonio Piñeiro, responsable de Actividades Paralelas do OUFF.

Cómo se viste una pantalla ou un peliqueiro son algunhas das secuencias que poderemos ver na pantalla esta mesma noite durante a gala de inauguración do Festival.

O documental conta cunha banda sonora que contén algúns dos temas que Kepa Junkera compuxo para o seu disco “Galiza” (2013), así como un tema orixinal composto especificamente para o Entroido.