O OUFF estrea “Memorias de un hombre en pijama”, a primeira película de animación que compite na sección oficial

– A película estréase esta noite no Teatro Principal a partir das 22:30 horas.

Ourense, 1 de decembro. Tiveron que pasar 23 edicións para que, por fin, unha película de animación participara na sección oficial do Ourense Film Festival. Trátase de “Memorias de un hombre en pijama”, unha produción galega que mestura animación con imaxes reais, adaptación da novela gráfica homónima de Paco Roca, e na que se comezou a traballar en 2014. A súa estrea para o gran público está prevista para o 4 de xaneiro do próximo ano.

O seu director, Carlos Fernández de Vigo, presentou o filme esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, afirmando que “tiñamos moitas ganas de ensinalo e que mellor que facelo na casa”. E é que como explicou, boa parte do equipo é galego e isto vaise notar en certas secuencias nas que retratan a Galicia, “como cando saen as illas Cíes”.

O director estivo acompañado polo produtor e guionista da cinta, Ángel de la Cruz, e pola directora de animación, Lorena Ares. De la Cruz é un vello coñecido do OUFF, “xa pasei unhas cantas veces polo festival. De feito, no 96 presentei unha curta na primeira edición”. O cineasta falou dos inicios da película con Paco Roca e do reto que supuxo como guionista xa que “lle demos moitas voltas. É unha adaptación dunha banda deseñada que inicialmente saía publicada nun xornal e foi complicado por esta periodicidade.”

Lorena Ares quixo deixar claro que “animación é cine e ver esta película entre ficción real é unha honra”. Tamén destacou o bo traballo con María Castro e Raúl Arévalo, que aparecen na cinta e dan voz aos personaxes principais. Todos eles quixeron recalcaron que a animación “é unha técnica de cine, non un xénero” e que o seu obxectivo é que a xente saía sorrindo despois de vela.

En “Memorias de un hombre en pijama”, que conta con banda sonora do grupo Love of Lesbian, veremos a historia de Paco, un corentón solteiro empedernido, que na plenitude da súa vida consegue o seu soño infantil: traballar dende casa e en pixama. Pero cando cría ter atopado o sumun da felicidade, irrumpe na súa vida Jilguero, a rapaza da que namorou.

O vindeiro mércores 12 de decembro o equipo da película pode ver cumplido un dos seus soños cando a actriz Rossy de Palma e o intérprete e director Paco León anuncien os nomeados á 33 edición dos Premios Goya. Una edición á que se presentaron 151 películas, das que 84 son de ficción, 63 son documentais e 4 de animación. #Animación ÉCine

A estrea, á que acudirá parte do seu equipo, terá lugar esta noite ás 22:30 horas no Teatro Principal. Poderá verse un segundo pase o 4 de decembro, ás 18 horas.