O OUFF estrea en exclusiva a nova serie da TVG “Lobos e cordeiros”

  • O Teatro Principal de Ourense é o lugar escollido para a presentación do primeiro capítulo desta ficción.
  • É a primeira vez que unha serie de televisión se estrea neste festival.

Ourense, 30 de novembro. O Teatro Principal de Ourense acolle esta noite a estrea do primeiro capítulo da nova serie da TVG “Lobos e Cordeiros”. Dunha nova alianza entre o certame e a Televisión de Galicia saiu esta colaboración que conseguiu que, por vez primeira, unha serie de televisión se vexa na pantalla grande do Ourense Film Festival.

“Lobos e cordeiros” está ambientada na Belle Epoque, a finais do século XIX en Ourense. Esta ficción, producida por Galiwood e que conta co patrocinio da Deputación de Ourense, narra unha historia de intriga e amores imposibles de tres familias: unha nobre, unha burguesa e outra campesiña, cun pazo e un balneario como escenarios de fondo.

Entre os seus personaxes atopamos á muller dun marqués que esconde un secreto do seu pasado, a dous mozos namorados destinados a vivir vidas separadas ou á líder dunha banda de ladróns, cuxa identidade é un misterio.

Ourense xoga un papel esencial na ficción, con tódolos exteriores gravados na provincia, e tres de seus actores, Aída Blanco, Nacho Nugo e Alberto Rolan, ourensáns. No reparto tamén figuran, entre outros, Miquel Insua, Susana Sampedro, Desire Pillado, Adrian Rios e Sara Sanz, que hoxe estarán no Teatro Principal de Ourense.

O evento comezará ás 22:30 horas e conta con entrada gratuíta ata completar aforo. É necesario recoller invitación no despacho de billetes do teatro para poder acceder.