O 23º Festival de Cine de Ourense proxectará preto de 70 traballos de 17 países

  • Os actores Luís Tosar e Mabel Rivera e o director ourensán Xavier Bermúdez serán homenaxeados durante o certame, que terá lugar do 29 de novembro ao 5 de decembro
  • Fas Muvis. Límite 48 horas é unha das novidades desta edición do festival: 48 horas de rodaxe para producir unha peza con Ourense como protagonista
  • “Mar de Terra”, o documental sobre o Entroido con Kepa Junkera, abrirá o festival o día 29 de novembro no Auditorio Municipal, mentres que “Un home fiel”, drama de Louis Garrel premiado en San Sebastián, será a película de clausura
  • Por primeira vez compite na Sección Oficial unha película rodada en Ourense: “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Texeiro
  • Manuel Baltar destacou na presentación da programación do OUFF 2018 no centro cultural “Marcos Valcárcel” que se trata dun certame “potente” con clara vocación universal e de permanencia, “o festival do cinema de Galicia”

Ourense, 23 de novembro de 2018.- Preto de 70 traballos, entre longametraxes, curtos e series de televisión, de 17 países distintos, proxectaranse durante o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), do 29 de novembro ao 5 de decembro. Un certame que tamén homenaxeará ao actor Luís Tosar, quen recibirá o premio Cidade de Ourense; á actriz Mabel Rivera, premio Fundación AISGE a toda a traxectoria; e ao director ourensán Xavier Bermúdez, a quen se outorgará o galardón Calpurnia de Honra.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, considera que estamos ante un certame “potente” con clara vocación universal e de permanencia, “o festival do cinema de Galicia” cuxa edición número 23 supón un salto de calidade. A programación do Festival de Cine de Ourense 2018 que se presentou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” é “o programa da ilusión” e a Fundación Carlos Velo foi “fundamental na celebración desta 23 edición”, dixo Manuel Baltar.

Para a Deputación de Ourense “a cultura, con maiúsculas, é un elemento competitivo e diferenciador. Temos unha parte importante do cine de Galicia con protagonismo ourensán, tiñamos un Festival con 22 edicións celebradas, e teremos un festival con, polo menos, 22 edicións máis, que non se van a materializar só na vindeira edición, senón que durante todo o ano queremos levar a cabo diversas actividades vencelladas ao cine por toda a provincia”, adiantou o presidente do goberno provincial.

O coordinador artístico do certame, Miguel Anxo Fernández, destacou, así mesmo, que a pesar de tratarse dunha edición organizada en tan só 7 semanas, ofrece un programa “variado” e cualificou o festival de “feliz realidade” froito dun desafío e un intenso traballo en equipo.

Luís Tosar, Mabel Rivera e Xavier Bermúdez: os premiados no OUFF 2018

O actor “máis internacional dos nosos actores”, segundo Miguel Anxo Fernández, Luís Tosar, será un dos invitados de honra ao OUFF. O intérprete recibirá o premio Cidade de Ourense como recoñecemento á súa traxectoria, coincidindo co vixésimo aniversario da súa primeira película.

Así mesmo, a actriz Mabel Rivera acudirá á gala de clausura para recoller o premio Fundación AISGE a toda a traxectoria; e o cineasta ourensán Xavier Bermúdez, “o máis laureado do cinema ourensán”, recibirá o Calpurnia de Honra.

Presentación OUFF 2018

 

O programa: sección oficial

Do 29 de novembro ao 5 de decembro, o Festival de Cine Internacional de Ourense proxectará traballos procedentes de 17 países en 6 localizacións da cidade: o Teatro Principal, dúas salas do Auditorio Municipal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Cine Clube Padre Feijoo e, por primeira vez, o Liceo de Ourense.

Na Sección Oficial compiten 10 longametraxes de 9 países, moitos deles premiados en certames tan prestixiosos como Cannes, San Sebastián, Sundance ou a Seminci. Ademais, por primeira vez compite unha película rodada en Ourense, “ Tódalas mulleres que coñezo”, documental de Xiana do Texeiro que fala do acoso, a violencia sexista e a desigualdade entre homes e mulleres, e que tamén ten localizacións en Lugo.

A Sección Oficial tamén destaca por incluír 4 longametraxes rodadas por mulleres e outras 4 óperas primas que vivirán no OUFF a súa estrea en Europa.

As películas a concurso son: “Cría puercos”, do mexicano Ehécatl Garcia; “Axúdame a pasar a noite”, do tamén mexicano Ramón Chávez Delgado; “Mug”, da directora polaca Malgorzata Szumowska e gañadora do Gran Premio do Xurado na última Berlinale; “The miseducation of Cameron Post” (Estados Unidos), de Desiree Akhavan e Espiga de Prata na Seminci; “Kona fer i strio” (Francia, Islandia e Ucraína), de Benedikt Erlingsson; “Capharnäum” (Líbano, Francia), de Nadine Labaki e gañadora de tres premios en Cannes; “Memorias dun home en pixama”, de Carlos Fernández Vigo, cinema español e animado; “Beast”, do británico Michael Pearce; “Fishbone”, do alacantino Adán Aliaga; e “Tódalas mulleres que coñezo”.

Por outra banda, 24 curtametraxes de creadores galegos compiten no concurso OUFF en curto.

Seccións paralelas: ciclos “Amal en ruta”, Ingmar Bergman e En Feminino

O festival contará, ademais, con varias seccións paralelas. O ciclo “Amal en ruta” dedicado ao cinema euroárabe, un ciclo sobre Ingmar Bergman con motivo do centenario do nacemento do lendario cineasta sueco; En Feminino, que presenta varias películas dirixidas e protagonizadas por mulleres; e unha selección das mellores longametraxes de Xavier Bermúdez, premio Calpurnia de Honra.

Por outra banda, “Mar de Terra”, o documental sobre o Entroido con protagonismo e música de Kepa Junkera, abrirá o festival o día 29 no Auditorio Municipal; mentres que “Un home fiel”, drama de Louis Garrel premiado en San Sebastián, será a película de clausura.

E, por primeira vez nos 23 anos de historia do OUFF, o festival estreará dúas series de televisión, “Lobos e cordeiros” e “Vos Mariachi”, porque, para Miguel Anxo Fernández, “non se entende a afección audiovisual sen o medio televisivo”.

OUFF escola e Fas Muvis

A nova edición do OUFF contará con dúas actividades, unha delas recorrente na programación do OUFF: OUFF Escola e Fas Muvis, ademais de con exposicións, música e obras literarias. O IX Certame de Cinema OUFF Escola pretende impulsar o uso do galego, coñecer a visión dos máis novos sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Dentro do OUFF escola enmárcase tamén a proxección do filme “A cambio de nada” de Daniel Guzmán. Será o 4 de decembro ás 11.00 horas no Teatro Principal para colexios de Secundaria de Ourense.

Fas Muvis. Límite 48 horas é unha das novidades desta edición do festival. Trátase dunha proba por equipos para realizar unha peza audiovisual dunha duración de entre 3 e 10 minutos durante un tempo limitado de 48 horas. O proxecto, relacionado coa cidade de Ourense, poderá ser ficción, documental ou mesmo un publireportaje pero deberá ser rodado unha 40% en exteriores da cidade e en galego.

A Deputación de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE únense dentro da 23 ª edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense para facer de Ourense de novo a capital do cinema en Galicia.

Toda a información sobre o Festival de Cine Internacional de Ourense atópase na web desde onde tamén se pode descargar o programa de man para non perdernos ningunha estrea.