Historias reais, causas de vida e cinema de autor, son os principais elementos que configuran o ciclo de cine euroárabe “Amal en Ruta 2019″, unha mostra que está organizada pola Deputación de Ourense e pola Fundación Araguaney e que nesta edición proxectará no Teatro Principal de Ourense –do 8 ao 13 de xuño, con entrada gratuíta- catro películas de ficción e dous documentais.

Na presentación do ciclo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou “o éxito de crítica e público que cada ano acada “Amal en Ruta“, froito da coidada selección dos traballos audiovisuais que se presentan”. Baltar salientou “a alianza entre a Deputación de Ourense e a Fundación Araguaney”, e agradeceu ao presidente de honra desta entidade, Ghaleb Jaber, o seu labor por “promover e potenciar este importante achegamento cultural”.

O presidente do goberno provincial afirmou: “Pór en valor o cinema supón pór en valor a nosa cultura, e neste sentido, a Deputación de Ourense deu en 2018 un paso decisivo como foi levar a cabo a organización do Festival de Cine de Ourense (OUFF), un evento que este 2019 tamén organizaremos, contando cun orzamento que quintuplica ao do ano pasado, e dentro desta aposta polo cine está o ciclo “Amal en Ruta“, enmarcada na estratexia de desestacionalizar o Festival de Ourense para que os eventos relacionados co mesmo non teñan lugar só durante a semana de celebración do OUFF“.

Pola súa banda, Ghaleb Jaber, agradeceu a Manuel Baltar “a súa sensibilidade e compromiso desde o primeiro momento con Amal en Rutal, un ciclo que busca o contraste entre as dúas beiras de Occidente, co obxectivo de informar e traer á actualidade unha realidade que moitas veces atópase na escuridade”. “A información é necesario visualizala –destaca Jaber- para rachar cunha ignorancia que non se produce por non saber, senón por non querer saber”.

O ciclo Amal en Ruta achega a Galicia a realidade da sociedade árabe, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea. Esta edición consta de catro ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán-, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver gratuitamente do 8 ao 13 de xuño, en horario de 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense.

As películas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que amosan a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe. Os filmes que se proxectan son: “Alma Mater” (sábado 8 de xuño), “Sheikh Jackson” (9 de xuño, “Of fathers and sons” (10 de xuño), “Zagros” (11 de xuño), “Ghost hunting” (12 de xuño), e “El Cairo Confidencial” (13 de xuño).