• A actriz recibirá esta tarde o galardón nunha gala na que se proxectará por vez primeira “Elisa e Marcela” en galego e en cor

A actriz Cristina Castaño recibe este xoves o Premio OUFF Televisión, galardón de nova creación no Ourense Film Festival, como recoñecemento á súa traxectoria na pequena pantalla. “Xa é bonito que che dean un premio, pero o é máis cando é a primeira vez que o dan” afirmou a intérprete, natural de Vilalba, no seu encontro cos medios.

Co premio OUFF Televisión, que se entrega por primeira vez na 24ª edición, o festival aposta por sumarse ao impulso que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos, nunha dinámica con recursos e narrativas propias do cinema á que se está incorporando o audiovisual galego. Como destacou Xosé Manoel Rodríguez, coordinador de exposicións e de talleres do festival, “esta é a primeira edición deste premio pero queremos darlle continuidade. Para nós é un luxo contar con Cristina para inauguralo”.

“Din que un non é profeta na súa terra pero eu non me podo sentir máis querida nela. Estou a cumprir soños pero aínda me quedan moitos por cumprir”, comentou Cristina Castaño, á que podemos ver no papel de Macarena na nova serie de Antena 3 “Toy  Boy”. Tamén resaltou como “se están desdebuxando as fronteiras entre cine e televisión, sobre todo, grazas ás plataformas. Antes a televisión estaba como deostada e agora ata os grandes actores de Hollywood están a facer series”.

A entrega do Premio OUFF Televisión a Cristina Castaño comezará a partir das 17:30 horas no Teatro Principal, nunha gala que concluirá coa proxección de “Elisa e Marcela”, de Isabel Coixet, en galego e en cor, por primeira vez. Cristina Castaño é unha das caras máis recoñecidas da televisión por papeis en series tan populares como “Pratos Combinados”, “Al salir de clase” ou “La que se avecina”. Tamén en películas como “Nacida para ganar” ou “Lo dejo cuando quiera”; en teatro con “Cabaret” foi recoñecida como mellor actriz revelación nos Premios do Teatro Musical e agora mesmo está coa obra “Quen é o señor  Schmitt?” dirixida por Sergio Peris-Mencheta.