• Trátase dos volumes de Pilar Pereira, Dorotea Bárcena, Jorge Ricoy, José Antonio Jiménez e Vicente Montoto

  • Isabel Blanco, patrono da Fundación, foi a encargada de realizar a presentación desta publicación dentro da sección “Letras de cine”

 A 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF 2019) continúa co achegamento ao mundo editorial e das publicacións e investigacións vencelladas co sector audiovisual que iniciara xa na pasada edición do 2018. Baixo o epígrafe “Letras de Cine”, mestura publicacións sobre o audiovisual con proxectos de produción propia aos que nesta ocasión súmanse as Monografías de AISGE.

A Fundación AISGE, vencellada ao colectivo de actores e intérpretes e que xa participou con varias actividades na pasada edición do OUFF e tamén nesta, presenta así no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense cinco libros monográficos de autobiografías de actores e actrices galegos: Pilar Pereira, Dorotea Bárcena, Jorge Ricoy, José Antonio Jiménez e Vicente Montoto.

Como explicou Isabel Blanco, delegada da Fundación AISGE para Galicia, “forman parte dunha colección singular promovida por AISGE, feita sen ánimo de lucro e que forman os Libros do Taller da Memoria. Como traballo previo aos libros, hai un taller no que se reúnen actores e actrices para ir recordando entre todos a traxectoria dunha persoa.”

Os libros están a disposición do público nas bibliotecas e, como feito simbólico, hoxe entregouse unha copia destes volumes á biblioteca do Centro Cultural Marcos Valcárcel. “A idea que temos é que no seguinte OUFF poidamos presentar os volumes de Manuel Lourenzo e de Xan Cejudo”, explicou Isabel Blanco, que ademais este ano forma parte do xurado da Sección Oficial e presentou dentro das Sesións Especiais do festival un novo programa de “Pasaporte Galego” no que Luis Tosar é protagonista.