• O guionista de “Arrugas”, Ángel de la Cruz, é o responsable da gala inaugural do OUFF na que a escenografía corre a cargo da directora de arte Marta Villar

  • A actriz María Mera conduce a apertura do OUFF 2019 nunha gala que pretende ser punto de encontro para o audiovisual galego

  • María Bouzas recolle o premio AISGE a súa traxectoria de mans de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Isabel Blanco, membro do xurado do OUFF 2019 e delegada de AISGE en Galicia

  • O filme @abuelos, película inaugural do festival, foi presentada polo seu director Santiago Requejo e as actrices Eva Santolaria, Ana Fernández e Clara Alonso

A homenaxe ao público e o lema #EuSondoOUFF convértense no tema central sobre o que xira a gala inaugural da 24ª edición do Ourense Film Festival. Punto de encontro do audiovisual galego, o OUFF 2019 abre a súa programación cunha gala dirixida polo cineasta Ángel de la Cruz e conducida pola actriz María Mera.

O guionista de “Arrugas” (Premio Goya 2012 á mellor película de animación e mellor guión adaptado e 5 Premios Mestre Mateo polo mesmo filme) firma una gala na que o cinema e audiovisual galego volven a ser protagonistas. Acompañado na dirección de escenografía pola directora de arte Marta Villar (Premio de honra Fernando Rey nos Mestre Mateo 2017), o cineasta coruñés deixa a súa impronta na que pretende ser a celebración do cinema galego.

A posta en escena da gala inaugural, que inclúe siluetas sentadas nas primeiras filas como parte do decorado creado pola escenógrafa Marta Villar, é unha homenaxe ao público. O Festival de Cine de Ourense quere manifestar así a súa admiración polos espectadores de cine, auténticos protagonistas deste e de todos os festivais do mundo. O resto da escenografía, xunto co cartel deseñado por Alexandro, ten como temática o “Cine e auga”. Auga sempre presente en Ourense que o OUFF 2019 quere homenaxear a través do audiovisual.

A actriz María Mera, coñecida pola súa participación en diferentes programas e producións do audiovisual galego e que ven de dar o salto a Netflix protagonizando a primeira miniserie galega que entra a formar parte no catálogo da plataforma de streaming, “O sabor das margaridas”, foi a encargada de actuar como mestra de cerimonias nunha gala cargada de referencias ao cinema galego e a nomes propios da arte e da cultura. É o caso de Chano Piñeiro (Sempre Xonxa, primeira longametraxe en galego rodada integramente na provincia de Ourense, que celebra en 2019 o seu trinta aniversario cunha exposición cargada de recordos e emotividade), Eloy Lozano (figura clave do cine, en 1996 nacía o Festival de Cine Independente de Ourense da man do cineasta que no 2019 celebra o décimo aniversario do seu pasamento) e Carlos Velo (cineasta nado en Cartelle estreitamente vinculado ao OUFF a través da fundación que leva o seu nome e que serve de inspiración para o Retrospectiva do Centro de Capacitación Cinematográfica de México, fundado polo director no país que lle serviu de acollida).

Non foron os únicos nomes propios que soaron no recordo durante a gala inaugural xa que non faltaron referencias a Eduardo Blanco Amor, autor homenaxeado na 24ª edición do OUFF 2019, na celebración do seu 40 pasamento, e a Eduardo Barreiros, emprendedor ourensán que na conmemoración do centenario do seu nacemento serve de inspiración para premiar ás óperas primas estreadas en 2019 a través de “Viaje al cuarto de una madre”. 

Do recordo á actualidade

A gala de inauguración serviu tamén de escenario para entregar o Premio a toda unha traxectoria da Fundación AISGE a María Bouzas. A mugardesa recibe este galardón como recoñecemento a súa ampla traxectoria en tódalas ramas da interpretación e o seu compromiso coa profesión. María Bouzas foi recoñecida polos seus papeis en “El secreto de Puente Viejo”, “Pratos combinados” ou “Terra de Miranda”, e recibiu o premio de mans de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Isabel Blanco, membro do xurado do OUFF 2019 e delegada de AISGE en Galicia.

Representantes do eido da cultura e da cidadanía ourensá disfrutaron das actuacións da Real Banda de Gaitas da Deputación así como do artista Xosé Manuel Budiño previas a proxección da película inaugural @buelos. O director do filme, Santiago Requejo, e as actrices Eva Santolaria, Ana Fernández e Clara Alonso, presentes tamén na gala, presentaron o seu traballo ante o público ourensán. 

Comezan así nove días de cine onde Ourense volver a ser a capital do audiovisual galego, un festival referencial que afronta unha edición cargada de novidades, estreas e actividades paralelas e que busca o compromiso do sector e a complicidade do público para reivindicar o OUFF como a festa da cultura.