• A película de Raúl Veiga foi a única rodada en galega nos 90

  • A reestrea tamén quere servir de homenaxe a toda unha xeración de actores galegos que comezaban a súa carreira diante das cámaras

A película “A metade da vida” do director Raúl Veiga presentarase con honras de estrea, na súa versión remasterizada na 25 edición do Festival de Cine de Ourense. Estreado en outubro de 1994, foi o único rodado enteiramente en galego de toda esa década. Agora chega de novo á gran pantalla cunha edición restaurada e reeditada “para facerlle o visionado máis amable ao espectador”, segundo o seu director Raúl Veiga moi satisfeito de que o OUFF sirva de escenario para esta estrea tan especial xa que “fun parte do xurado nalgunha edición e ata coordinei algún foro polo que me sinto parte del”. Veiga define o festival como “un punto de referencia obrigado para o audiovisual galego e algo que debe continuar porque ademais de ter unha carreira brillante, logrou algo moi difícil en Galicia como é ter esta continuidade no tempo”. 

Para o crítico Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival, a exhibición desta “película, que considero heroica polo tempo no que se produciu e as condicións daquela, correspóndese coa idea de consolidar o festival como a casa propia do audiovisual galego, máis aínda co que representou no seu tempo “A metade da vida” de Raúl Veiga, un dos directores máis singulares desde o punto de vista autoral, que deu este país, e que só sentimos non telo con máis frecuencia nas pantallas. Agardamos que desde OUFF 2020, rebrote a súa figura diante do novo público”. 

Versión restaurada e reeditada

Cun guión do propio Raúl Veiga, inspirado en parte por un conto de Xosé Luís Méndez Ferrín, en “A metade da vida” descubrimos a historia dun triángulo amoroso nunha cidade galega a finais dos oitenta. Os protagonistas son un músico de jazz chamado H.  Eire, o seu amigo Pedro e a moza deste e amante do músico, Amalia. Na vida de Eire aparecen ademais un tío e a súa sobriña; o primeiro ancorado no seu interese pola literatura e a segunda, en converterse nunha moza interesante. 

A metade da vida - María Bouzas

Na nova versión que veremos no OUFF atoparémonos cunha peza restaurada e reeditada, con mudanzas na montaxe respecto da versión orixinal pensando “no beneficio do espectador, agora é unha experiencia máis agradable froito dos anos de experiencia que fun acumulando. A esencia do filme é a mesma, non se desnaturalizou en absoluto, mellorou” afirma o director.

Cunha imaxe totalmente restaurada e o son moito máis amable para o público, Veiga conta que se trata dunha versión “redux” pero que, ao contrario do que sucede con Coppola e a súa versión de “Apocalypse Now”, acurta a duración da película facéndoa máis condensada pero mantendo o espíritu da orixinal. “O carácter do filme presérvase pero a comunicación mellora” comenta Raúl Veiga.

Un filme plenamente galego

Outra das características que fan especial a “A metade da vida” é que foi o único filme galego do decenio. O equipo foi plenamente galego, dende o elenco ata técnicos, algo inusual na época e que “ foi unha ousadía tremebunda e que hoxe, felizmente, xa non chama a atención”. Unha forma de mostrar que, con vontade e determinación, era posible facer cine plenamente galego.

A reestrea tamén quere servir de homenaxe a toda unha xeración de actores galegos que comezaban a súa carreira tales como María Bouzas (que recibiu no último OUFF o Premio a toda unha traxectoria da Fundación AISGE), Evaristo Calvo e Alfonso Agra, que dan vida ao trío protagonista, xunto con Mela Casal, Isabel Vallejo e, especialmente, co actor ribadaviense Ernesto Chao

A contribución deste último, falecido no 2018, foi especialmente relevante para o filme. Como afirma o director e guionista Raúl Veiga “púxose nas miñas mans para, no curso dos longos ensaios que fixemos, ir construíndo o personaxe e ir apurando as súas chaves na interpretación para a cámara que é, lembrada hoxe, moito conmovente.”

A estrea desta nova versión remasterizada de “A metade da vida” súmase á xa anunciada premiere de “Olvido y León” de Xavier Bermúdez na gala de inauguración desta 25 edición do OUFF, organizada pola Fundación Carlos Velo e a Deputación de Ourense. Nos vindeiros días seguiremos anunciando máis novidades.