• O modisto ourensán está moi vencellado ao mundo do cine

  • Foi o produtor da primeira película que se proxectou na historia do OUFF

 

O Ourense Film Festival premiará ao modisto Adolfo Domínguez coa Calpurnia Especial 25 anos na vindeira edición do festival. Trátase dun recoñecemento moi merecido para o ourensán, que estudou Cine e Arte en París e sempre estivo moi vencellado coa sétima arte. De feito, foi o produtor de “La moños, a primeira película que se viu na sesión inaugural do OUFF en 1996.

 

Adolfo Domínguez e o cinema

A produción de La moños foi unha das súas aportacións de Adolfo Domínguez ao mundo do cinema. Foi xusto esta cinta a que abriu o camiño a 25 anos de historia do Festival de Cine de Ourense, proxectándose na gala inaugural da primeira edición no ano 1996. Esta película foi o comezo dun festival que puxo o nome de Ourense no mapa e que este ano chega a súa 25 edición en plena forma.

Sobre La moños hai que destacar que foi un filme dirixido por Mireia Ros e está baseada na historia dunha muller icónica e estrambótica que percorría as rúas do barcelonés barrio do Raval a principios do século XX. Estivo nomeada a un Premio Goya á Mellor dirección novel. 

 

Unha carreira ascendente

Adolfo Domínguez naceu en Trives en 1950. Creceu entre costuras antes de trasladarse a estudar Belas Artes e Cinematografía a París. De volta ao seu Ourense, decide centrarse no mundo da moda e no 76 abre a súa primeira tenda na cidade. Xa nos 80 amplía miras, pasando a facer deseños tamén para muller e popularizando a súa frase máis mítica A engurra é bela

Co paso dos anos, o nome de Adolfo Domínguez fíxose un oco imprescindible no panorama mundial da moda. Abre tendas por todo o mundo e saca coleccións de complementos, cosmética e perfumes. Recibe importantes recoñecementos como a Agulla de Ouro ou o Premio Nacional de Deseño no 2019. Na actualidade, as súa filla maior, Adriana Domínguez, é a presidenta executiva da compañía, que manten a súa esencia intacta.