• “Celda 211” é a película máis premiada da produtora galega

  • O festival programará un ciclo especial no Ponte Vella con 6 títulos, entre eles “Quien a hierro mata” ou “El desconocido”

  • A homenaxe inclúe a edición dun libro que repasa a traxectoria da produtora

  • O OUFF recoñece coa Calpurnia a importante traxectoria da produtora con case vinte longametraxes producidos desde 2005 e que a sitúan desde Galicia entre as máis importantes e activas do panorama español

“Celda 211” volverá verse nunha pantalla de cine en Ourense 10 anos despois da súa estrea. A cita será o próximo 28 de setembro, no Teatro Principal, con motivo da Calpurnia de Honra que o Ourense Film Festival (OUFF) entregará esa mesma noite á produtora galega Vaca Films, responsable do filme, e aos seus fundadores, Emma Lustres e Borja Pena.

Precisamente, “Celda 211” inaugurou a 14 edición do OUFF no 2009 cunha estrea que contou co asistencia do seu director Daniel Monzón e con boa parte do elenco do filme como Luis Tosar, Alberto Amman ou Antonio Resines. Moitos destes protagonistas volverán a Ourense o día 28 para acompañar a familia de Vaca Films

Ademais de “Celda 211”, que ten 8 premios Goya, incluído o de mellor película que foi recollido precisamente por Emma Lustres e Borja Pena, o OUFF programará un ciclo especial que proxectará outros traballos destacados de Vaca Films, entre eles o recente “Quien a hierro mata”, de Paco Plaza, considerada unha das películas do ano. 

A homenaxe que a 24ª edición do OUFF quere render a Vaca Films culmina coa edición dun libro, dentro das publicacións propias do festival, que repasa a extensa traxectoria da produtora e que conta coa participación de máis de 20 importantes críticos de cinema.

Proxeccións

O ciclo Vaca Films do OUFF poderá verse no Centro Comercial  Ponte Vella e inclúe os seguintes títulos: 

  • Quien a hierro mata(Paco Praza), con Luis Tosar como protagonista; actualmente en carteleira
  • Invasor(Daniel  Calparsoro), con Alberto Ammán e Inma Cuesta; nomeada a 5 premios Goya
  • El niño (Daniel Monzón), con Luis Tosar e Jesús Castro; gañadora de 4 premios Goya
  • El desconocido, debut na longametraxe do monfortino Dani da Torre; rodada na Coruña con Luis Tosar e Javier Gutiérrez
  • Cien años de perdón (Daniel Calparsoro), con Rodrigo de la Serna, Luis Tosar e Raúl Arévalo
  • Feedback, a asfixiante ópera prima de Pedro C. Alonso 

Vaca Films foi fundada no 2003 por Borja Pena e Emma Lustres e hoxe é unha das produtoras de cinema máis destacadas en España. As súas películas recadaron preto de 50MM€ en España e distribuíronse en todo o mundo a través de axentes como Filmax, Sony Pictures ou Films Distribution. Así mesmo, recibiron numerosos premios, entre os que destacan os 8 premios Goyas de “Celda 211” en 2009. Na actualidade, a produtora, a través de VACA TV, prepara a súa primeira serie para MOVISTAR+, titulada “La unidad” e dirixida por Dani de la Torre.

A  Calpurnia de Honra é o galardón máis antigo do OUFF, que en edicións anteriores recibiron figuras como Xavier Bermúdez, Montxo Armendáriz ou  Imanol Arias.