• Lustres recibiu o Calpurnia de Honra xunto a Borja Pena polo seu labor como produtores en Vaca Films, mentres que Laxe trae a competición a súa película “O que arde”

  • Produtora e cineasta charlaron sobre internacionalización, público e axudas ao cinema

“Cinema galego: modelos de internacionalización” é o título do diálogo establecido entre Oliver Laxe, director e guionista, e Emma Lustres, productora executiva de Vaca Films, no marco das actividades paralelas do Ourense Film Festival (OUFF 2019).

Emma Lustres manifestou que o cinema é “unha lección de vida, unha representación de nós como sociedade” no que hai cabida para todos os públicos. Pola súa banda, Oliver Laxe insistiu en que “ás veces abusamos de crer que o público é algo  hermético que non evoluciona”, cando, “se lle dás un bo viño e o acostumas, ao final vai querer o bo viño”, en referencia á escaseza de axudas que ao seu xuízo recibe o cinema de autor.

O coloquio moderado por Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do certame, forma parte da reivindicación que o festival quere facer da cultura propia do audiovisual. O OUFF non so mantén un ciclo de exposicións e a aposta pola realización de publicacións propias, todas elas vinculadas ao cinema dalgún xeito, senón que abre novos escenarios para a confrontación de ideas. Este debate é a exploración de novos formatos para achegar o audiovisual ao público cunha oferta ampla e especializada e para converter ao festival no punto de encontro do sector.

Oliver Laxe e Emma Lustres no OUFF 2019

Oliver Laxe chega ao OUFF 2019 coa súa película O que arde que presenta á sección a competición. Ao mesmo tempo, impartirá un obradoiro de dez horas nas que compartirá todos os detalles do proceso creativo. Recordemos, que a coa súa primeira longametraxe, “Todos vós sodes capitáns” (2009) gañou o premio FIPRESCI no Festival Internacional de Cine de Cannes en 2010. Certame ao que volveu en dúas ocasións máis: con “Mimosas”, nome do hotel en ruínas onde Tennessee Williams comezou a escribir “Cat on a Hot Tin Roof” fíxoo en 2016 e conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica; e en 2019 obtén un dobre mérito con “O que arde” ao ser a primeira película en galego que participa nunha sección do Festival de Cannes e acada ademais o Premio do Xurado.

Emma Lustres, pola súa banda, recibiu onte xunto a Borja Pena o Calpurnia de Honra Vaca Films como recoñecemento a unha das produtoras cinematográficas máis importantes do estado, responsable de grandes éxitos de crítica e público como “El niño”, “El desconocido” ou “Cien años de perdón”. Fundada no ano 2003, a produtora é un dos máximos referentes da industria audiovisual galega, polo que o OUFF ven de programar un ciclo especial con algunha das súas películas máis recoñecidas. A presenza de Vaca Films complétase coa edición do libro “Vaca Films. Paixón polo cinema” coordinado por Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, no que se fai un repaso pola traxectoria de Vaca Films a través da aportación dunha vintena de especialistas en cine como Andrés Castro, Diana Ramahí ou Fernando Redondo.