A guionista e directora mexicana, neta do cineasta ourensán Carlos Velo, presidirá o xurado internacional da Sección Oficial do OUFF

O Ourense Film Festival (OUFF) acollerá a estrea en España da curtametraxe “Chocolates Cortázar” (2019), realizado pola directora mexicana Laura Gárdos Velo o vindeiro 4 de outubro. Gárdos é neta do cineasta ourensán Carlos Velo, presidenta de honra da fundación que leva o seu nome e este ano será a presidenta do xurado internacional de longametraxes, que decidirá a gañadora do premio Calpurnia na próxima edición do festival. 

Laura Gárdos Velo (Ciudad de México, 1967) mantén unha estreita relación con Ourense, cidade a que acude para participar nas homenaxes a Carlos Velo, nado en Cartelle, e tamén co OUFF. Aquí presentou a súa primeira longametraxe de ficción, “Anos despois”, que clausurou a edición de 2011. 

Formada como guionista e directora no Centro de Capacitación Cinematográfica de México (CCC), dirixiu a curtametraxe “Estar” e as películas documentais “Entre dúas bandeiras” e “Vieiros. Vida y obra de Carlos Velo”, sobre seu avó, figura clave do cinema mexicano.

México será, de feito, protagonista da 24ª edición do OUFF, que lle dedicará un ciclo especial coa proxección de 12 óperas primas xurdidas do CCC. O Ourense Film Festival volverá converter Ourense na capital do cinema de Galicia do 27 de setembro ao 5 de outubro, con decenas de proxeccións, talleres, exposicións, concertos e outras actividades.