• “Auria Última Noite” de Dani Cornes e Ariadna Cordal faise co primeiro premio

  • O segundo posto é para “A Gran Pantalla” de Miguel Gómez Abad

  • Os galardóns entregaranse nunha gala cando a situación sanitaria de Ourense así o permita

Fas Muvis, o concurso para rodar unha peza en 48 horas xa coñece aos seus gañadores. Os seis equipos seleccionados (de entre máis de 20 que se presentaron) tiveron dous días para facer a rodaxe das súas obras pola cidade de Ourense, a fin de semana de inicio do 25 OUFF, e despois un periodo de 96 horas para facer toda a montaxe final.

O xurado de Fas Muvis 2020 formado por Laura Miragaya, realizadora e docente no IES Audiovisual de Vigo e na Universidade de Vigo; Sergio Frade, produtor e docente no IES Audiovisual de Vigo e na Universidade de Vigo; e Mariana Carballal, actriz e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na Universidade de Vigo, tiveron unha difícil tarefa pero dictaron veredicto.

Así, o primeiro premio é para a curta “Auria Última Noite” de Dani Cornes e Ariadna Cordal pola “súacalidade e riqueza técnica que, xunto á súa capacidade narrativa e unha moi boa dirección de actores, fan deste proxecto unha peza audiovisual que funciona na súa totalidade”. O xurado tamén destaca o adecuado tratamento da situación idiomática de Galicia ao optar por misturar os dous idiomas nas diferentes situacións e entre os seus protagonistas.

O segundo premio outórgase a “A Gran Pantalla” de Miguel Gómez Abad polo seu gran traballo de produción e por arriscarse a realizar unha peza cunha temática e unhas localizacións complexas nun curto período de tempo. Tratábase dun proxecto arriscado, que o equipo foi capaz de resolver con eficacia.

O xurado tamén quixo destacar a calidade das demáis pezas participantes en Fas Muvis e do traballo e creatividade dos equipos para levar a cabo cada unha das súas propostas nun tempo tan reducido.

Impulso do audiovisual entre os mozos

Estaba previsto celebrar esta fin de semana unha gala á que acudiran tódolos grupos participantes e na que se proxectaran as seis pezas e se fixera a entrega dos premios, pero a situación actual da cidade de Ourense fai que se teña que pospoñer polo momento.

Fas Muvis, que está coordinado por Paulino Pérez e Enzo Sarmiento, celebrou este ano a súa terceira edición. Este concurso é o único destas características que se celebra nun festival de cine. Esta sección, xunto co OUFF en Curto, son parte do impulso que dende o festival se lle quere dar á mocidade, potenciando o audiovisual entre os máis novos do sector.

Ademais, en Fas Muvis concédeselle gran protagonismo a Ourense. As imaxes das pezas audiovisuais deben ser gravadas íntegramente en Ourense e contorna e un 40% como mínimo en exteriores. Búscase así destacar os valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos e naturais da zona ao mesmo tempo que se potencia a cidade como plató de cinema.