• A directora acude esta tarde a presentar o seu documental, que compite na Sección Oficial, ao público do Ponte Vella

 

 A sección oficial da 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF 2019) inclúe entre as súas 12 películas a competición un documental. “Cachada:  The Opportunity”, da directora leonesa afincada no Salvador, Marlén Viñayo, realiza unha reflexión sobre a perversidade do ciclo da violencia a través da historia de cinco vendedoras ambulantes do Salvador que expoñen as súas vidas nun taller de teatro e reviven os traumas da violencia machista. Nos ensaios danse conta de que educaron aos seus fillos sen dixerir a dor do pasado. 

Para Viñayo esta é a súa primeira longametraxe documental producida baixo o seu propio selo, a produtora La Jaula Abierta, especializada en documentais. “Dende sempre souben que me quería dedicar a facer cine documental. Facer “Cachada” cambioume totalmente a vida. Permitiume abrir os ollos a unha realidade diferente e serviu para que me reafirmara na miña idea de querer facer este tipo de cine” afirmou no seu encontro co público e coa prensa.

“Cachada: The Opportunity” chega á sección a competición do Festival de Ourense tras recoller premios como o Premio do Público en South by Southwest de San Diego ou o Premio Latitude en DocsBarcelona 2019. “Durante ano e medio acompañei ás protagonistas nos ensaios da obra de teatro para seguir todo o proceso. Sorprendíame moito que tiñan máis ou menos a miña idade pero vidas completamente diferente” explicou Viñayo.

Marlén Viñayo tamén destacou que “o proceso foi moi duro porque se abren moito. Comparten toda a súa vida, historias de violencia, maltrato e violación con total normalidade, coma se fose o normal para unha muller. Pouco a pouco vanse dando conta de que foron vítimas e isto fai que cambie a relación que teñen cos seus fillos e cambien a esencia das súas vidas. Agora son mulleres completamente diferentes cunha mente máis aberta”.

A directora, que acudirá esta tarde a proxección de Cachada nos Galicine do Centro Comercial Ponte Vella para un coloquio co público, quixo finalizar a súa intervención agradecendo ao OUFF “o esforzo de traer a cidades pequenas unha selección de cine así e, sobre todo, por contar comigo”.