• Haberá dúas proxeccións no ciclo de Cine Familiar: “Campeones” e “Elcano y Magallanes. La primera vuelta al mundo”

  • “Queremos que o festival sexa de toda a sociedade ourensá” afirmou Miguel Anxo Fernández

 O Ourense Film Festival (OUFF) en colaboración co Centro Comercial Aberto Ourense Centro apostan polo Cine Familiar na súa 24ª edición, regalando entradas para dúas proxeccións. Os clientes do CCA Ourense Centro que merquen nos establecementos adheridos a próxima semana recibirán invitacións para ver unha película a escoller entre “Campeones” e “Elcano y Magallanes”, os días 28 e 29 de setembro no Auditorio Municipal. Con esta novidade, o festival busca atraer aos máis pequenos da casa ás salas de cine con dous filmes pensados para ver en familia.

O presidente do CCA Ourense Centro, Luis Rivera, remarcou que con esta iniciativa “buscamos incentivar as compras con motivo da celebración do OUFF.” Os clientes recibirán unha invitación coa súa compra que será canxeada por unha entrada para un adulto e unha para un neno no stand que o festival terá na rúa do Paseo. Tamén quixo destacar “o seu agradecemento ao OUFF por esta acción coa que poñemos fin á campaña de volta ao cole”.

Queremos que o festival sexa de toda a sociedade ourensá. Que todo Ourense se volque e sintan seu o #EuSonDoOUFF. Para nós é moi importante que participen todos, incluídas as familias, e por iso confiamos no éxito desta iniciativa” afirmou Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF. Pola súa banda, Aurelio Gómez Villar, coordinador técnico do festival, quixo salientar tamén que “o OUFF é de todos. Queremos seguir colaborando co CCA Ourense Centro, ao que lle estamos moi agradecidos, pero tamén queremos contar con tódolos colectivos que así o desexen”.

Gómez Villar explicou que ademais do ciclo de Cine Familiar, haberá máis programación para nenos e mozos durante os días do festival cunha nova edición do OUFF Escola. “Eles son o futuro, o relevo, e queremos que disfruten nunha sala de cine” afirmou.

A mecánica da promoción 

A mecánica desta promoción é moi sinxela. Con cada compra realizada nos establecementos que teñan o cartel de Cine Familiar, os clientes recibirán unha invitación, válida por unha entrada para un neno e unha para un adulto. Esa invitación deberá ser canxeada polas entradas para a película que se escolla (ata fin de aforo) no stand que o OUFF terá instalado na rúa do Paseo a partir do día 25 de setembro.

As proxeccións do ciclo Cine Familiar

O día 28 será a quenda de “Campeones” (2018) de Javier Fesser. Trátase dunha comedia dramática na que Javier Gutiérrez interpreta a Mario, un adestrador de baloncesto en declive que debe adestrar a un equipo composto por persoas con discapacidade intelectual como traballos comunitarios. A cinta foi nomeada a 11 Premios Goya, dos que gañou 3, entre eles, o de mellor película. Tamén foi seleccionada pola Academia de Cine para representar a España nos Óscar 2019.

O domingo 29 tócalle a “Elcano y Magallanes. La primera vuelta al mundo” (2019), unha película de animación dirixida por Ángel Alonso de 90 minutos de duración. O filme narra dun xeito divertido e para todos os públicos a aventura cara o descoñecido que protagonizaron o navegante portugués Fernando de Magallanes e o vasco Juan Sebastián Elcano no seu camiño cara o novo mundo.