• O guionista e director de “O que arde” clausura este martes o taller formativo no que desvelou os detalles do proceso creativo da súa película

  • As entradas para o primeiro pase da longametraxe, que compite na Sección Oficial do OUFF,  esgotáronse en menos de media hora

Oliver Laxe, guionista e director de “O que arde”, clausura este martes o obradoiro formativo que impartiu a un centenar de persoas no marco da 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), unha actividade que considera necesaria para defender o cinema de autor e “espertar o padal da alma”. O cineasta, que compartiu o proceso creativo da súa longametraxe cun centenar de persoas, asegura que “facer películas é verdadeiramente algo excesivo que nos pon a todos ao límite, pero tamén é unha ferramenta que che fai descubrir quen es”.

O obradoiro, un dos tres que programou o OUFF 2019 (os outros dous impartíronos os realizadores Alberte Pagán e Xavier Bermúdez, este último aos presos do Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar), fixo fincapé na evolución da película desde a súa concepción ata a sala de montaxe. Para Laxe, “unha película é un proceso orgánico, non un produto”. Nese sentido, mostrou diferentes versións do guión, secuencias especialmente difíciles de rodar e castings errados. “Falo da miña familia, de min, dos meus traumas, non escondo nada”, remarcou.

Entradas esgotadas

"O que arde"

“O que arde”, que compite na Sección Oficial, estreábase este lunes en Ourense con aforo completo. As entradas para asistir ao primeiro pase da película esgotáronse en menos de media hora. A longametraxe volverá proxectarse o xoves 3, ás 20:00 horas.

O terceiro traballo de Oliver Laxe chega a Ourense despois de resultar premiada en San Sebastián – Premio San Sebastián-Gipuzkoa Film  Commision – e o Festival de Cannes – premio do xurado da sección Un certain regard -. En cinemas estréase o 11 de outubro.