• “Deux” eríxese como triunfadora coa Calpurnia á Mellor Película e a Mellor Interpretación para Bárbara Sukowa

  • Paula Palacios recibe o Premio CIMA á Mellor Cineasta da Sección Oficial e unha Mención Especial do Xurado por “Cartas Mojadas” ademais do Premio do Público

A directora de cine Inés París, presidenta do xurado da Sección Oficial da 25 edición do Festival de Cine de Ourense, xunto co actor Carlos Blanco, membro do xurado, anunciaron esta mañá o Palmarés do 25 OUFF. Ambos quixeron destacar a difícil elección que tiveron que facer polo alto nivel das producións escollidas pola organización.

Premios da Sección Oficial

Calpurnia á Mellor Película: “Deux” de Filippo Meneghetti. Por ser unha película orixinal e valente que, a través da magnífica interpretación das súas actrices cóntanos a historia de amor de dúas mulleres maiores que ao longo dos anos viviron con impotencia unha relación oculta.

Premio Carlos Velo á Mellor Dirección: Jan Komasa por la película “Corpus Christi”. Por transitar con gran intelixencia por temas tan espiñentos e actuais como a violencia, a mentira e a relixión; recreando con credibilidade a vida dun pobo, as emocións e conflitos dunha colectividade.

– Premio especial do Xurado: para Maite Alberdi por “El agente topo”. Pola brillantez e orixinalidade coa que aborda un tema tan actual e sensible como é unha residencia de anciáns. O seu magnífico retrato do desamparo, a vulnerabilidade e a capacidade de esperanza dos seres humanos, sacando o máximo partido a un elenco non profesional.

Premio ao Mellor Guión: William Nicholson por “Regreso a Hope Gap”. Polo extraordinario texto de gran complexidade que utiliza varias capas narrativas para debuxar a desoladora ruptura dunha parella logrando unhas imaxes e emocións que quedan  indelebles na memoria dos espectadores. 

Premio á Mellor  Interpretación: Barbara Sukowa por “Deux”. Pola súa encarnación do personaxe de Nina na película “Deux” cun traballo cheo de verdade e de matices e cunha enorme potencia que, en espléndido diálogo coas outras actrices, condúcenos emocionalmente e permítenos a identificación cun personaxe que transita pola liberdade, a dor, a indignación e a reivindicación do seu amor e dignidade.

Mención especial: “Cartas Mojadas” de Paula Palacios. Por ser unha película que fai visible o que sucede no mar Mediterráneo e interpélanos para que recuperemos a nosa humanidade e capacidade para a xustiza fronte a un problema tan grave como o abandono e a morte no mar dos  migrantes que tentan unha vida mellor.

Premio CIMA á mellor cineasta da Sección Oficial: á tarefa de dirección e guión de Paula Palacios en “Cartas Mojadas” polo seu compromiso persoal, valentía, profesionalidade e perseveranza ao longo dos anos para mostrar a realidade da migración no Mediterráneo e así contribuír a que se cre un movemento social que interpele aos responsables desta catástrofe humanitaria que se pode resolver con vontade política.

A estes galardóns súmase o Premio do Público, patrocinado polo centro comercial Ponte Vella, para a película máis votada que tamén recaeu en “Cartas Mojadas” de Paula Palacios, cun 4,55 de nota sobre 5. O Premio Especial OUFF 25 aniversario que concede a organización recae no documental “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” de Ignacio Benedeti pola súa contribución á conservación do planeta, unha aposta moi importante e que cremos que debe ser recoñecida. Por último, hoxe recollerase tamén o xa anunciado Premio Xacobeo á mellor produción ou coprodución galega do festival para “La Isla de las mentiras” de Paula Cons.

Pases das películas premiadas

Como xa é habitual, o domingo proxectaranse no Teatro Principal as películas gañadoras do 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense. O primeiro pase será ás 12 horas para o Premio Xacobeo, “La isla de las mentiras” de Paula Cons. Ás 17 horas, tócalle ao Premio do Público “Cartas Mojadas” e ás 20:30 horas é a quenda da gañadora da Calpurnia á Mellor Película, “Deux”.

As entradas para os pases dos filmes premiados son totalmente gratuítas. Pódense retirar dende unha hora antes na billeteira do Teatro Principal, repartindo dúas entradas por persoa e só para o pase desa hora. Non está permitido o acceso con comida ni con bebida.