Rosa Álvarez

Nada en Carballeda de Avia en 1950, iniciou a súa carreira nos 70 e formou parte dos fundadores da Agrupación Cultural Abrente, que chegou a presidir, e das primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia. Fitos primordiais na profesionalización do teatro galego a finais da década. No 2001, xunto ao seu marido, o actor xa falecido Ernesto Chao, funda a compañía teatral Lagarta, Lagarta coa que conseguiron numerosos éxitos. Entre outros proxectos, impulsou a Sala Carral de Teatro de Vigo ou a compañía Malbarate, formada totalmente por mulleres, como Mabel Rivera, ademais da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que presidiu entre 1996 e 1996. Recibiu diversos galardóns ao seu traballo teatral, como o premio á mellor actriz protagonista por ‘Fobias’ e ‘Compañía’, ou o premio Maruxa Villanueva á súa traxectoria no 2003.

A súa traxectoria profesional tamén está moi vencellada ao cinema galego e a televisión. Traballou en películas como “Doentes” (2010), “Heroína” (2004), “Trece badaladas” (2002) de Xavier Villaverde, “La vida que te espera” (2004) de Manuel Gutiérrez Aragón, “Lobos sucios” (2015) de Simón Casal ou na mítica “Sempre Xonxa” (1989) de Chano Piñeiro. No 2007 recibiu o premio Mestre Mateo á mellor actriz secundaria pola longametraxe “De bares” de Mario Iglesias. Coa curta “La buena caligrafía” (2006) foi premiada nos festivais de Zaragoza, Pasaia, Xerez, Torrelavega ou Guijuelo. Tamén obtivo un Mestre Mateo á mellor actriz pola serie “Entre bateas” de Jorge Coira. A súa última aparición no cine é en “Olvido y León”, a película que inaugura o OUFF este ano.