• O presidente da Deputación de Ourense destacou na súa inauguración que esta mostra céntrase na “primeira longametraxe rodada en galego, en 35mm, e rodada integramente na nosa provincia, en Valdeorras, Santoalla, no Concello de Petín”

  • Manuel Baltar sinalou que esta exposición pretende “reivindicar a Ourense como plató de cine” e adiantou que “seguiremos a traballar nesta liña da produción propia do Festival e na memoria histórica audiovisual”

  • A mostra, que poderá visitarse no centro cultural “Marcos Valcárcel” ata o día 27 de outubro, amosa elementos de atrezzo da película e obxectos persoais do director

A exposición “Filmado en Ourense. Chano Piñeiro. 1989-2019”, convértese na primeira mostra de produción propia do Ourense Film Festival (OUFF). A inauguración da exposición tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández; a comisaria da mostra, Marta Villar; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e a viúva do director Chano Piñeiro, Mari Luz Montes.

O presidente da Deputación de Ourense destacou que esta mostra está centrada na “primeira longametraxe rodada en galego en 35mm e rodada integramente na nosa provincia, en Valdeorras, en Satoalla, no Concello de Petín” e que foi estreada “o 25 de novembro de 1989, e novembro é o mes de Ourense, no que celebramos o noso patrón, a San Martiño”.

“Sempre Xonxa”é –segundo Manuel Baltar- unha película mítica de 114 minutos, unha película realista que a través das súas catro estacións fai repaso dunha historia vencellada a alma de Ourense, a emigración. Esta exposición pretende, polo tanto, “reivindicar a nosa provincia como plató de cine”, dixo Manuel Baltar, quen adiantou que “seguiremos nesa liña da produción propia do OUFF e da memoria histórica audiovisual” e lembrou que Ourense tamén foi escenario da “primeira curtametraxe rodada en galego por un cineasta de Ourense, Eloy Lozano, en 1974, “Retorno a Tagen Ata”, baseado nun relato de Méndez Ferrín, tamén ourensán das Terras de Celanova”.

Mari Luz Montes salientou a aposta de Chano Piñeiro hai 30 anos polo sector audiovisual e dixo que el pensaba que “calquera país que non aposte polo audiovisual está condenado a desaparecer”, “e o tempo deulle a razón”, dixo a súa viúva, quen emocionada afirmou que “a Chano lle faría moi feliz ver hoxe a evolución do cine galego e diriámoslle: Chano tiñas razón, o cine galego é posible”. Neste mesmo sentido, o presidente do goberno provincial recuperou as palabras de Mari Luz Montes e dixo que a afirmación “facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario”, era “unha frase dun visionario, un pioneiro que tamén rodara aquí, na provincia de Ourense, a súa curta “Mamasunción” de 35mm”.

Pola súa parte, o director de AGADIC afirmou que “o sector audiovisual está a vivir un momento doce”, resultado dun proceso de moitos anos que ten “uns pioneiros que están aquí perfectamente representados nesta exposición, tanto a película “Sempre Xonxa” como Chano Piñeiro, que son os que iniciaron as películas de ficción rodadas en versión orixinal en galego”.

Esta exposición, comisariada por Marta Villar, quere servir de recordo aos 30 anos de “Sempre Xonxa”, a primeira longametraxe en galego, que foi rodada na provincia de Ourense polo director Chano Piñeiro. Na mostra pódense ver obxectos persoais do director, cedidos pola súa viúva, xunto con elementos de atrezzo da rodaxe, nunha exposición sen precedentes que se completa coa proxección en bucle da película.

Marta Villar explicou que a mostra está estruturada de acordo á distribución que fai Chano Piñeiro en “Sempre Xonxa”, na que fai “coincidir o ciclo anual co ciclo vital dividindo a película nas catro estacións: a primavera que a asocia coa infancia, o verán que llo da á xuventude, o outono que llo dá a madurez e o inverno no que reflexa a etapa da vellez”. Así mesmo, o director artístico do OUFF dixo que esta mostra é “unha merecida homenaxe a Chano Piñeiro, a quen o audiovisual galego lle debe moito” e que con esta exposición o OUFF “inicia unha serie de exposicións de produción propia para reivindicar á provincia de Ourense neste sector, e tamén como factor de compromiso co audiovisual galego”.

Ademais de facer memoria con obxectos moi característicos do filme, búscase resaltar a toda a provincia de Ourense nas orixes do cine galego e, tamén, como escenario natural para rodaxes. “Sempre Xonxa” foi dirixido por Chano Piñeiro, director autodidacta moi vinculado a Ourense, que se converteu nunha icona do cinema galego dende a súa primeira curtametraxe en 35 mm, “Mamasunción”. A exposición poderá visitarse ata o día 27 de outubro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” con entrada gratuíta.

O OUFF volverá encher a cidade de cine e de actividades paralelas durante a súa 24ª edición. “O intimismo da rodaxe de Elisa e Marcela” de Zoe Sala Coixet (Centro Cultural Marcos Valcárcel, 23 de setembro e o 13 de outubro) con fotografías íntimas da rodaxe da película e “Memoria erótica. Debuxos de Xurxo Oro Claro” (Galería Visol, 26 de setembro ao 5 de outubro) sobre a colección de relatos inéditos de Carlos Velo “Memoria erótica”, completan o cartel de exposicións que forman parte do festival.