• Trátase dun documental gravado en Super 8 que se estrea a nivel mundial no Festival de Cine de Ourense

  • É ademais a primeira incursión de Ignacio Benedeti como director, guionista e cámara no terreo das longametraxes cinematográficas

Gravado en Super 8 e estrea mundial. “Spitsbergen, o Gardián do Ártico”, poderá verse esta noite, dentro das Sesións Especiais do 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense. Será ás 20.30 horas, no Teatro Principal.

Trátase da primeira longametraxe gravada e acabada en Super 8 con copias de exhibición de 16 e de 35 mm. É o primeiro dunha serie de trece documentais da serie “Stop quecemento global” que ten como obxectivo sensibilizar sobre as consecuencias do cambio climático e que están a rodarse en diferentes puntos sensibles do planeta.

“Trátase dun relato cinematográfico do que sucede a bordo dun rompexeos de 75 anos en Spitsbergen e das diferentes misións que leva a cabo. Por exemplo, localizar a unha mamá osa coas súas crías, recoller catas e medicións dos microplásticos que, por desgraza, xa están alí presentes, recuperar unha cámara sumerxida a 140 metros de profundidade ou o momento no que unha persoa do equipo foi atacado por unha foca” comenta Benedeti.

O documental pretende ser unha chamada de atención sobre as consecuencias do cambio climático e o quecemento global ademais dun desafío técnico, debido a que só foi filmada íntegramente en Super 8. “As imaxes son unha testemuña dalgo que está a desaparecer porque o xeo está menguando moi rápido. Xa sucederon máis cambios climáticos ao longo da historia pero este é o primeiro provocado directamente polo home e senón tomamos medidas xa, pode ser demasiado tarde” confirma o director.

Preguntado polo momento que máis lle impactara durante a súa travesía, Ignacio Benedeti dixo que “ver a unha osa famélica e escuálida deixoume moi impresionado. Tamén o momento no que quedamos atrapados no xeo no medio da nada e logo ter que camiñar sabendo que debaixo de ti hai unha profundidade de 140 metros”.

Estética diferenciadora

O proxecto xurdiu despois de que a multinacional Kodak contactara con Benedeti, guionista, director e productor do filme, para que fose un dos primeiros en probar as súas novas películas e ver os resultados de preprodución nunha situación de rodaxe real. O cineasta viaxou ata Spitsbergen para rodar esta proba técnica que logo se convertiría nunha longametraxe documental tras ser testemuña do deterioro mediombiental que está a producirse na zona.

Benedeti prestou especial atención a estética utilizada para contribuir ao seu proxecto creativo. Tanto a propia textura da imaxe, coma a estética do cartel e a narración, quere ser unha homenaxe aos documentais de Walt Disney dos anos 50 e 60, e aos de Jacques Cousteau dos 70. Os próximos documentais da serie “Stop quecemento global” rodaranse ata o ano 2030, o prazo que a ONU calcula para tomar medidas radicais coas que poñer fin a esta situación e deter o incremento da temperatura global.

Ignacio Benedeti

Ignacio Benedeti ten tocado na súa trayectoria profesional diferentes eidos, todos relacionados co cinema como é a distribución, a restauración cinematográfica e a exhibición. Como distribuidor é responsable das coleccións Galicia de Cinema e Gallaecia Cinema que, con centos de miles de DVDs, foi a maior iniciativa de distribución de cinema galego. No terreo da produción, a súa produtora tivo máis de 300 premios internacionais incluíndo o Joris Ivens do IDFA de Amsterdam, o Hot Docs de Toronto, con “La casa de mi abuela”, o Pilar Miró da SEMINCI con “Estigmas”, ademais de dous nomeamentos da Academia do Cine Europeo con “Minotauromaquia: Pablo en el laberinto”. A partir de 2010 inicia unha carreira como director de curtametraxes (de ficción e documentais) e, mesmo, videoclips, co feito diferencial de que só roda con película. “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” é a súa primeira incursión como director, guionista e camarógrafo no terreo das longametraxes cinematográficas.