Aberta a convocatoria de selección do Xurado Universitario para o 22º OUFF

Aberta a convocatoria de selección do Xurado Universitario para o 22º OUFF
26/09/2017 ouff

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, convoca o proceso de selección do Xurado Universitario para a 22ª edición do festival. A través desta iniciativa ofrécese ao estudantado universitario a posibilidade de coñecer o funcionamento do OUFF e participar activamente no desenvolvemento do mesmo, xa que este xurado seleccionará un filme da Competencia Iberoamericana da Sección Oficial do festival para outorgarlle o Premio Xurado Universitario, dotado con 1.500 €.

Para formar parte do Xurado Universitario é preciso estar matriculada ou matriculado nalgunha titulación da UVigo no curso 2017/2018, ter entre 18 e 27 anos e así como ter dispoñibilidade durante a celebración do festival (do 20 ao 27 de outubro de 2017). O OUFF coordinará as labores e actividades do Xurado durante eses días e farase cargo das súas dietas. A cada membro do Xurado Universitario entregaráselle unha acreditación completa, ademais de entradas para as galas de inauguración, clausura e as festas posteriores.

As persoas que desexen formar parte do Xurado deberán cubrir un impreso de solicitude cos seus datos e envialo, xunto coa documentación requirida nas bases, a formacion@ouff.org antes das 23:00 horas do día 8 de outubro. A organización do OUFF porase en contacto coas persoas escollidas unha vez rematado o proceso de selección.

[Descargar bases]