Balance 21OUFF

Balance 21OUFF
26/11/2016 ouff

Balance 21OUFF

  • Un total de 8.009 persoas pasaron por algunha das actividades do 21º Festival de Cine Internacional de Ourense.
  • No marco do festival propiciáronse encontros entre diversos axentes do sector audiovisual e prestouse especial atención á formación dos máis cativos.
  • O cinema galego tivo unha fantástica acollida por parte do público, acudindo 1.082 persoas ás súas proxeccións.

Ourense, 26 de novembro do 2016

Este mes de novembro, a cidade de Ourense encheuse por completo de cinema da man do 21OUFF nunha edición na que se proxectaron un total de 73 pezas procedentes de case uns 30 países diferentes e divididas en 109 sesións. Para dar cabida a todas estas proxeccións aumentáronse os espazos do Festival, pasando diversas pezas audiovisuais por lugares coma o Auditorio Municipal de Ourense, o Teatro Principal, o Cineclube Padre Feijoo, os Cines Ponte Vella Galicine, a Casa da Cultura Xinzo, o Auditorio Municipal de O Carballiño e o Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar.

As cifras e os datos extraídos tras os intensos nove días de cine vividos entre o 28 de outubro e o 5 de novembro permiten afirmar que os obxectivos trazados para este ano están superados con satisfacción, entre os que se atopaban:

  • Dotar dunha identidade marcada as diversas liñas de programación do Festival de Cine Internacional de Ourense, poñendo a mirada principalmente nos novos creadores e creadoras e no cinema iberoamericano para a súa Sección Oficial. Do mesmo xeito, os vinte e un filmes pertencentes a esta categoría tiveron a súa estrea española dentro do marco do Festival. No caso concreto de Boone, El limonero real e Las calles -todas elas premiadas polo xurado desta edición-, a estrea non supuxo soamente a premiere en España, senón tamén en toda Europa.
  • Propiciar encontros entre diversos axentes do sector audiovisual para favorecer a creación de sinerxias e establecer novas liñas de traballo. O OUFF acolleu o II Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia- organizado pola AGADIC en colaboración co Instituto de Cinema e do Audiovisual (ICA) de Portugal- no que varias empresas galegas e do país veciño tiveron a oportunidade establecer contacto directo con posibles socios estratéxicos na coprodución de proxectos audiovisuais para cine e televisión. A Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) tamén estivo presente nesta edición do Festival cun encontro no que os asistentes puideron falar sobre a súa experiencia e distintas formas de ver a profesión. Ademais, cabe destacar que froito desta aposta do OUFF por unir talento, Zaza Ceballos -Zenit TV- e José Antonio Velo -Astrágalo Studio- selaron un acordo de colaboración coa intención de potenciar, revalorizar e adaptar ás novas tendencias de consumo, as producións audiovisuais que se desenvolven en Galicia.

161101_cafecrea_02

  • Ser un escaparate para o cinema galego, contando con case unha vintena de pezas galegas dentro da programación do 21OUFF. Na da Competición Iberoamericana da Sección Oficial, o ourensán José Manuel Mouriño amosoulle ao público Manuel Vilariño. Ser luz -un documental ensaístico que propón una aproximación en imaxes á obra e ao universo argumental do fotógrafo e poeta coruñés Manuel Vilariño- e o pontevedrés Manuel Fernández-Valdés competiu na mesma categoría co filme documental Angélica [una tragedia]. Ademais tamén se proxectaron María (y los demás), de Nely Reguera; Jeanette, de Xurxo Chirro; Sin dios ni Santa María e Montañas ardientes que vomitan fuego, ambas de Samuel M. Delgado e Helena Girón; Verengo, de Víctor Hugo Seoane; Share o No Share, de Juan Hervella Rego; El pozo, de Héctor Domínguez-Viguera; O Rebelde, de Óscar Doviso; Visións, proxecto comisariado por Xisela Franco e Beli Martínez. Por outra banda, o OUFF tamén acolleu a videoinstalación “Tiempo vertical”, do artista Lois Patiño; acolleu a presentación do novo caderno de Cinema23 adicado ao Novo Cinema Galego e a do libro-dvd do filme Pelerinaxes de Simone Saibene, e amosou as primeiras imaxes de varios proxectos en distinto estado de desenvolvemento como We the media, de Héctor Carré; Nación de Muchachos, de Mad Mex Filmanova + Vizuals Lab con dirección de Javi Camino e Esquece Monelos, a opera prima de Ángeles Huerta.
  • Seguir formando aos cineastas do futuro. O OUFF Escola, ademais de funcionar como ferramenta de normalización lingüística e impulsar a creación audiovisual, ofreceu tamén tres obradoiros para achegar o audiovisual aos máis novos. Neles os asistentes puideron aprender a proxectar animacións sobre superficies coa técnica do “Videomapping”, a levar a cabo as súas propias creacións en “Stop Motion” ou a realizar diversos xoguetes ópticos (taumatropo, folioscopio…) nun obradoiro de “Xoguetes de Cine”.

20161102_ouffescola_auditorio-8478

  • Conseguir situar a Ourense no mapa a través do audiovisual. Ademais dun gran apoio e exhaustiva cobertura diaria do evento por parte dos medios galegos e locais, nesta edición falaron de nós xornais de tirada nacional como El País ou El Mundo, acompañáronnos profesionais de medios de comunicación como Radio 3, Radio 5 ou Cadena SER e fixéronse eco da celebración do OUFF medios especializados como Caimán Cuadernos de Cine, Fotogramas ou Otros Cines Europa.

161102_tolentino_08

161030_rn5_09


OUTROS DATOS:

Voto do público:
Os filmes da Competición Oficial preferidos do público foron Notes on blindness (4,37), Angélica [una tragedia] (4,32), Ultimas conversas (4) e Las Calles (3,92). Como datos xerais, cabe destacar que a media de puntuación da Competición Iberoamericana foi de 3,45 e a da Competición Operas Primas de 3,39 sobre un máximo de 5 puntos.Datos de asistencia:
  • Asistencia total ás actividades: 8.009 persoas.
  • Asistencia total ás proxeccións: 7.673 persoas.
  • Asistencia ás proxeccións de cinema galego: 1.082 persoas.
  • Asistencia media diaria ás proxeccións: 852 persoas.
  • A película máis vista da Sección Oficial foi Hermia & Helena, con 219 persoas divididas en dúas sesións.
  • Á Gala da Inauguración asistiron 864 persoas.
  • Á Gala de Clausura asistiron 689 persoas.