Así foi o 22º OUFF

Así foi o 22º OUFF
13/12/2017 AndreaOUFF
  • O festival remata esta edición reforzando o seu recoñecemento entre o sector e as institucións, cunha grande mellora na puntuación do ICAA, que duplica as súas axudas ao OUFF.
  • Consolidouse tamén a aposta pola expansión do festival, aumentando o número de sedes e actividades paralelas con boa acollida.
  • Os filmes galegos proxectados no festival acadaron unha moi boa resposta do público e foron vistos por máis de 2.500 persoas.

Ourense, 13 de decembro 2017. – Nas últimas semanas coñeceuse a avaloración que o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) fixo con respecto ao Festival de Cine Internacional de Ourense para as súas axudas de 2017, outorgándolle unha subida dende os 59 puntos cos que foi valorado o proxecto de festival en 2016 aos 67 puntos para o proxecto da edición deste ano. Como consecuencia desta melloría na valoración, duplícase a aportación económica dende o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Este recoñecemento súmase ao apoio acadado nesta edición do festival por parte de Acción Cultural Española (AC/E) cunha cantidade de 4.940€. Esta foi a primeira vez que o OUFF accedeu a este tipo de axuda, lexitimando a súa nova liña de programación e axundando a traer ata Ourense a Meghan Monsour (directora de programación de Ambulante Gira de Documentales) e Xosé Ramón Rivas (xestor cultural e programador de documentais do Festival Internacional de Cine de Edimburgo) como membros do xurado.

E é que durante o pasado mes de outubro, Ourense converteuse de novo  nunha cidade de cinema coa celebración do 22º OUFF. A expansión do festival foi grande, con numerosos espazos da cidade acollendo as proxeccións de 77 filmes, exposicións, encontros, concertos, obradoiros e  arredor de 7.500 persoas gozando de todas estas actividades. Unha vez rematado o OUFF, o balance final é positivo, cunha consolidación clara das liñas de programación do festival e un aumento notable da súa repercusión.

A aposta do festival polo cinema iberoamericano axudou tamén a aumentar a súa repercusión. Ademais dunha intensa cobertura por parte da prensa ourensana e galega, medios xeralistas e especializados de tirada nacional prestaron especial atención ás competicións e retrospectivas do OUFF, incluíndo entrevistas a Mariano Llinás en El Mundo ou Radio 3, un especial de Caimán Cuadernos de Cine e artigos en Fotogramas ou Cinemanía, chegando mesmo á Radio Universitaria de Bos Aires. Pero o nome de Ourense non só viaxou a través da prensa: os focos de Llinás e Jeannette Muñoz programados no 22º OUFF están pasando ou pasarán proximamente pola Filmoteca Española, o Festival Internacional de Cine IBAFF, a Filmoteca de Cantabria, o Laboratorio Reversible de Barcelona ou o Centro Galego de Artes da Imaxe, o que consolida a relevancia do OUFF dentro do circuito de festivais en España. Ademais, a reacción do público confirma a boa acollida da liña iberoamericanista da programación: os catro filmes mellor valorados polas espectadoras e espectadores das seccións oficiais (Las cinéphilas, Baronesa, Vermelho russo Amor, amor) son de Arxentina, Brasil – dous deles – e Portugal. Observando en conxunto os votos do público vemos tamén que tanto a Competición Iberoamericana como a de Operas Primas foron recibidas positivamente, tendo unha media de 3,24 e de 3,32 sobre 5 respectivamente.

A vontade do OUFF de funcionar como escaparate da produción cinematográfica galega cumpriuse tamén con éxito: os filmes de apertura e clausura do festival foron galegos, e máis de 2.500 persoas viron cinema producido no país. O público e a prensa fixéronse especial eco da preestrea de Trinta lumes (Diana Toucedo), a presentación das primeiras imaxes de Aquilo que arde (Oliver Laxe) e a estrea de Dhogs (Andrés Goteira), pero tamén pasaron polo 22º OUFF as longametraxesUna vez fuimos salvajes (Carmen Bellas), Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro (Aser Álvarez), Entre la ola y la roca (Manuel Lógar), Pessoa/Lisboa (Alberto Ruíz de Samaniego e José Manuel Mouriño), A historia dun satélite (Also Sisters), Post Truth Times. We the Media (Héctor Carré) e La ley de la frontera (Adolfo Aristarain). No ámbito da curtametraxe, puideron verse en OurenseEscarabana (Sara Casasnovas), Rapa das bestas (Jaione Camborda), M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987) (Ángel Santos), Europa (Hugo Amoedo),Nueva Galicia (Iván Nespereira), The Neverending Wall (Silvia Carpizo) e o “work in progress” do proxecto de José Manuel Mouriño sobre o laboratorio de restauración L’immagine ritrovata da Cineteca de Boloña.

programación paralela do OUFF reforzouse, expandindo o festival máis aló das salas cara diferentes ámbitos e espazos, integrándose na cidade e mesmo chegando fóra dela, con proxeccións no Carballiño, Leiro e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Aumentou o número de concertos, acolleuse a presentación de seis novos proxectos e leváronse a cabo dúas exposicións moi comentadas: Platea. Os fotógrafos miran ao cine (de Acción Cultural Española) e Xoguetes de cine (do director de efectos especiais Federico Ransenberg). As actividades abertas combináronse con aquelas destinadas a profesionais, como o III Encontro de Coprodución Portugal-Galicia e a primeira edición do foro de posprodución ÁNCORA, pechándose as dúas con éxito de participación.

Por último, o festival mantivo o seu esforzo no ámbito formativo. O certame OUFF Escola continuou con éxito a súa promoción do cinema e a normalización lingüística entre rapazas e rapaces, chegando a aumentar o número de obradoiros ofertados: o estudantado asistente puido aprender dobraxe, realización de curtametraxes de ficción e documental, e efectos especiais con Federico Ransenberg. Con todo, a formación non se limitou á xente moza e a OUFF Escola: Ransenberg impartiu en La Molinera unha masterclass de efectos especiais físicos para adultos e os expertos en comunicación e educación Gingko conduciron durante catro semanas no Centro A Carballeira un obradoiro de vídeo participativo. Nesta edición tamén se recuperou a iniciativa do Xurado Universitario mediante un convenio de colaboración coa UVigo, o que remata de redondear a aposta do OUFF polo público do futuro.