O proxecto formativo Cinema en Curso recolle o Premio Cidade de Ourense e Oliver Laxe presenta as primeiras imaxes de ‘Aquilo que arde’

O proxecto formativo Cinema en Curso recolle o Premio Cidade de Ourense e Oliver Laxe presenta as primeiras imaxes de ‘Aquilo que arde’
26/10/2017 AndreaOUFF
  • Núria Aidelman e Laia Colell, fundadoras de Cinema en Curso, quixeron recoñecer tamén o traballo de alumnado, cineastas e especialmente docentes implicados, “menos celebrado do necesario”.
  • O anterior Premio Cidade de Ourense, Oliver Laxe, presentou tamén esta mañá as primeiras imaxes de Aquilo que arde, o seu próximo filme.

Ourense, 26 de outubro de 2017. – Nesta 22ª edición, o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) quixo poñer en valor co Premio Cidade de Ourense o traballo de Cinema en Curso, a iniciativa educativa que Núria Aidelman e Laia Colell iniciaron hai xa máis dunha década. “É especialmente significativo para nós que sexa o premio dunha cidade”, declarou Laia Colell despois de ter recibido o galardón no Liceo de Ourense de mans do alcalde Jesús Vázquez. “O noso proxecto ten o afán de que os nenos descubran e amen o cine, pero tamén o de crear espectadores e cidadáns sensibles, capaces de coñecer, recoñecer e apreciar realidades diversas”. Vázquez destacou precisamente a labor de formación de espectadores sensibles e autónomos que Cinema en Curso leva a cabo, pondo en relación o proxecto co certame OUFF Escola. Ademais, desexoulles “que a súa labor e esperanza no futuro siga xerminando cada vez máis, contando historias a través do cine”.

Núria Aidelman destacou os puntos en común de Cinema en Curso cos festivais de cine, xa que ambos comparten “o amor polo cine; o amor por compartir en comunidade”, e quixo celebrar a confianza de todas as persoas que colaboraron coa iniciativa. Cinema en curso iniciouse en 2005 en Cataluña, pero actualmente desenvólvese tamén en Galicia, Madrid, Euskadi, Arxentina, Chile e Alemaña coa colaboración de centos de estudantes, cineastas e docentes, eloxiados especialmente por Aidelman, que considera o seu traballo “menos celebrado do necesario”.

Colell y Aidelman estiveron acompañadas por Mónica García, coordinadora do proxecto en Galicia, e tres cineastas que colaboran coa iniciativa interviron na entrega do premio. O galego Ángel Santos fíxoo en persoa e falou da experiencia como a dunha “viaxe compartida”. “Os cineastas somos os primeiros que estamos aprendendo. Son mellor cineasta dende que estou en Cinema en Curso”. Carla Simón, candidata por España aos Oscar de 2017, enviou un vídeo no que dixo que o premio era “un recoñecemento merecido para un proxecto cunha capacidade brutal de transformación da nosa sociedade”. Por último, Jonás Trueba (tamén en vídeo) tildou a iniciativa de “revolucionaria” e declarou que para el supuxo “un antes e un despois como persoa, xa que cambia a túa maneira de pensar as relacións humanas, o cinema e a educación”.

Presentación das primeiras imaxes de ‘Aquilo que arde’, novo filme de Oliver Laxe

O anterior Premio Cidade de Ourense, Oliver Laxe, estivo tamén no 22º OUFF para compartir co público do festival as primeiras imaxes do seu novo proxecto, Aquilo que arde. O filme narrará a historia dun pirómano condenado que volve á súa casa nos Ancares logo de saír de prisión, pero a metraxe que Laxe proxectou no Liceo foi descrita por el como unha sorte de “caderno de notas”, gravada acompañando o pasado verán a brigadas de extinción de incendios do distrito XII Miño-A Arnoia.

A vaga de incendios deste mes de outubro estivo presente nas declaracións de Laxe: “Estes días recibo mensaxes nas que me din “Que ben, que película máis pertinente, máis necesaria. Esperamos que o filme estea á altura do noso sufrimento”. A miña reacción é de medo, porque estar á altura do que unha sociedade pide é moito”. Ao explicar a súa experiencia coas brigadas, o cineasta destacou a problemática de filmar o lume: “O lume é unha das cousas máis cinematográficas que hai. A tensión está en non estilizar, non estetizar demasiado o lume. Tentamos harmonizar a tensión entre a figura humana e a natureza”.

Laxe declarou tamén a súa intención de introducir nun futuro próximo aos actores en situacións de lume real. Aquilo que arde será a terceira longametraxe do director galego.